
María Solar detectou sagazmente que había un relato dalgún xeito xa contado pero que cumpría volver relatalo con outra perspectiva
17 feb 2017 . Actualizado a las 06:10 h.E así fixo, ao meu ver, con fortuna ao achegarse a ese capítulo histórico que se centra nos pasos previos á saída, desde o porto da Coruña, da expedición a América que, en tempos de Carlos IV e da man do doutor alacantino Balmis, se organizou cuns nenos orfos seleccionados dos hospicios coruñés e compostelán para levaren unha vacina, brazo a brazo coma se fose unha cadea humana, para loitar contra un dos males máis terribles da época, intra e extrapeninsularmente, como foi a varíola.
Ben sabido é o papel salientable que neste asunto protagonizaron tanto o devandito doutor Balmis como a reitora do hospicio coruñés, Isabel Zendal: ambos os dous aparecen retratados, paréceme, con fidelidade histórica, solvencia e seguridade; sobre todo o personaxe feminino en quen se repara tanto nas dificultades que debeu arrostrar por ser muller como no seu carácter decidido, xeneroso e afouto. Talvez menor atención gozaran ata o de agora o doutor betanceiro Antonio Posse Roybanes e o conxunto de nenos orfos, maioritariamente coruñeses, que aseguraron ao cabo o éxito da empresa.
Solar devólvelle o xusto protagonismo a un e outros, sobre todo a estes últimos abandonados a unha institución que gozaba de escasos recursos nunha época que socialmente toleraba e amparaba tanta miseria material e moral.
Os nenos da varíola sitúase, así pois, nese espazo de novelas de fronteira. Todo flúe nela axilmente a través do avance lineal dunha trama que a fai recomendable para todas as idades. Altamente documentada, describe con transparencia e estilo propio a atmosfera -social, cultural e política- da época sen esquecer nin as peripecias persoais dos protagonistas corais nin cuestións suxestivas como son os conceptos de heroicidade ou caridade e aborda os constantes dilemas morais, as dificultades para o avance da ciencia médica -a través da chamada sífilis inocente ou a amentada vacina contra a varíola- e mesmo a formación como única maneira de ser libre. Unha epopea, sen dúbida, trazada con moito acerto.