Marilar Aleixandre, así pois, fertiliza o territorio poético empuñando un lapis nun caderno fantasticamente editado por Apiario. Nel «desescribe», xa se dixo, e faino inicialmente «desde as marxes da folla» para gabear polas paredes dos abismos e situarse nese espazo concreto que posibilita escaravellar no celme dos prexuízos, desvelar o que se considera tóxico e cales son as dimensións da resiliencia, afondar tamén no ámbito máis íntimo e persoal para reivindicar un canto á «ledicia da rebelión».
Pasa logo pola denominada «lembranza de Babel», onde a alegoría da confusión e dos conflitos magmatiza historias -algunhas delas débedas que cumpría saldar- e conclúe con «de quen a voz»: un complemento onde se percorren os sucos da vida con tributos e homenaxes á memoria, individual ou colectiva, de persoas, vivencias e espazos concretos. Unha flor de abruñeiro para Marilar Aleixandre por este libro desasosegante e reividicativo. Outra por converterse mañá en académica da Real Academia Galega: un orgullo para moitas persoas que a admiramos.