Os segredos que oculta Conxo

Un libro con vocación de guia, descuberta e reparación de Conxo

.

É máis que posible que asociemos Conxo, no noso imaxinario, a un espazo próximo a Compostela, beireado polo río Sar e rodeado dunha vedraia carballeira. A maiores, alguén saberá que alí se erixiu un mosteiro, que se mantivo activo un célebre sanatorio psiquiátrico e mesmo, se cadra, non faltará quen evoque que foi nese espazo onde se celebrou un histórico Banquete, en marzo de 1856, no transcurso do cal brindaron xuntos, en fraternal harmonía democrática, estudantes e obreiros no que constitúe unha data clave e punto de partida para o que logo chamariamos Rexurdimento.

Celébranse, así pois, os cento sesenta anos daquel Banquete -tamén, claro é, dos brindis poéticos pronunciados por Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre, neste libro reproducidos- e esta requintada publicación que chega da man de Alvarellos e o Consorcio de Santiago tráenolo oportunamente á memoria ao tempo que revela outras referencias que Conxo suscita, talvez hoxe descoñecidas ou escurecidas polo paso do tempo, tal e como nos advirte Henrique Alvarellos nas páxinas limiares do libro. Xustamente nestas liñas é onde se ofrecen datos de escasa difusión como a visita que rendeu ao lugar Federico García Lorca en 1916; a lembranza reivindicativa do Banquete que se realiza en Bos Aires cando se cumprían cen anos daquel evento; a tala indiscriminada dos seus carballos en 1882 ou, por só citar algúns, o feito de que este espazo foi o lugar de nacemento de Rosalía de Castro e que trataría literariamente en diversas ocasións.

Teño para min que resultou un verdadeiro acerto dotar a este libro dunha visión panorámica e transversal pois nel, ademais de visitar como é de regra o contexto e a relevancia do Banquete a través da visión de Xurxo Martínez, permítese afondar nas orixes do mosteiro do lugar, reparando na relación que este mantivo co Camiño Portugués a Santiago ou o culto que alí se lle tributaba á chamada Virxe da Cuncha mercé o traballo do historiador Francisco Singul e mesmo facilítase unha viaxe polo bosque de Conxo, abrazando esas únicas testemuñas do acontecemento amentado como son os carballos centenarios que aínda resisten, grazas ás palabras do biólogo Martín Souto.

Apunta o coordinador que o libro ten unha vocación de guía, descuberta e reparación. Dou fe de que o obxectivo se consegue, e con creces.

Votación
5 votos

Os segredos que oculta Conxo