Os dilemas de Emma Bovary

FUGAS

24 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin por primeira vez a novela Madame Bovary, de Gustave Flaubert, cando tiña uns vinte anos, e daquela non me gustou. Emma pareceume unha tarambaina con pouco siso e moitos paxaros na cabeza. Uns anos despois aconselloume lela o escritor rumano Vintila Horia, que me propuxo fixarme no mal que causa na vida a falta duns principios morais. A recomendación non chegou para convencerme, pero si que me condicionou a favor. Porque Vintila Horia parecía culpar ao doutor Charles Bovary, o marido de Emma, pola súa mediocridade humana e pola súa torpeza de xénero, que lle impedía ver as necesidades espirituais e vitais da súa dona.

Foi así como, pouco despois, volvín ler Madame Bovary, para descubrir que a miña forma de sentir a vida estaba máis preto dos seus dilemas ca dos sentimentos do home aburrido co que casara. Emma Bovary era certamente inmadura e quizais egoísta, pero tamén era fermosa e apaixonada, e amaba a vida por riba de todo, con auténtico desespero. Por iso, por non resistir a asfixia do seu cativo mundo vilego, deu pasos ousados e foi caendo nas trampas dunha sociedade machista, insolidaria e trapaceira que, ao cabo, a devorou. Porque toda a rebeldía que amosaba chocaba coa dura rocha da «norma social», é dicir, coa moral dunha sociedade inmoral. Por iso, Emma tiña que perder, e perdeu nada menos que a vida.

Hai uns días fun ver a película que guionizou e dirixiu Sophie Barthes e que protagonizou Mia Wasikowska. Unha sorpresa moi grata para min. Porque alí estaba na pantalla a plural e diversa Emma, frustrada e soñadora, con todos os seus puntos fortes e débiles. E estaba tamén o seu home, Charles Bovary, un tipo bo e xeneroso que non tiña nada que ver con ela nin era capaz de entendela. Ao cabo, estaba a soidade e o desespero dunha muller atrapada nunha vida insoportable, que trataba de superar con determinación, indo aos tombos nunha viaxe sen retorno.

Gustave Flaubert xa o explicara con claridade: «Todo o mundo cre que son realista, pero é o meu profundo odio polo realismo o que me empuxou a escribir esta novela. Porque eu odio o falso idealismo que nos engana a todos». Por iso a obra é grande e sabia: porque o autor nunca perverteu a realidade esencial nin renunciou á palabra xusta. É dicir, non nos enganou nin cedeu á tentación de falsear a verdade histórica do seu mundo.