Quincena feliz

FUGAS

17 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai libros que coa pretensión de ser unha homenaxe a un autor en particular convértense, aínda sen querelo, nun edificio de honra a un país e a unha cultura. Non son demasiados eses textos primordiais. Por tal motivo, cando un ten a fortuna de encontrarse cun deses monumentos literarios non lle resta máis que o deber de difundilo. Estou a falar do trixésimo quinto volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, espléndida obra, que edita o centro de investigación en Humanidades que leva o nome do erudito de Nós. Elevar esta obra, xustamente un mes despois da celebración do Día das Letras Galegas, é unha obriga. Porque corremos o risco de que a celebración das Letras deveña en acto puramente litúrxico ou ritual, circunscrito a unha data de maio, e perda vigor ao longo do ano. Por iso resulta pertinente apuntar algunha das razóns que converte este Manuel María, Cecais hai unha luz, Memorabilia nun dos libros máis importantes que ten orixinado a nosa cultura nas últimas décadas. E digo tal sen hiperbolizar un ápice. ¿Por que? En primeiro lugar porque está elaborado dende o maior rigor e esixencia intelectual, de forma e fondo. Con edición de Luis Cochón e Luis Alonso Girgado, en colaboración con Laura Piñeiro e Verónica Pousada, a colectánea xira en torno ao autor de Outeiro de Rei, O Poeta, pero propende a erixirse como unha mostra do saber humanístico galego. A nómina de autores que colabora no mesmo resulta selecta e admirable: Darío Xoán Cabana, Fernández Naval, Pérez?Sanjulián, Forcadela, Franco Grande, Freixeiro Mato, García Bodaño, García Negro, Hermida, Ledo, Lopo, Sánchez Rei, Rodríguez Fer, Miro Villar, Queixas Zas e máis. En segundo lugar porque ao longo das máis de trescentas páxinas apórtanse novidades non só sobre Manuel María, senón revelacións principais sobre a súa obra e poética, intertextualidades literarias ou documentos descoñecidos ata agora. Podería seguir enumerando virtudes pero prefiro ser simplemente o inductor da súa lectura. Unha peza como esta, que chegou ás miñas mans grazas á unha das voces críticas principais da nosa literatura, Armando Requeixo, ben merece impulso e abrigo. Unha xoia. E máis lecturas desta quincena, para ir rematando a primavera: A dúbida de María Reimondez, que gañou o XIV Premio de novela por Entregas de La Voz de Galicia e que coñecemos nunha edición pretérita, de agosto, do noso periódico. Intensa e desacougante. Quincena feliz.