«Miña nai non sabía que tiña un fillo tan bárbaro»

FUGAS

MONICA IRAGO

10 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñécense herdeiros dos Heredeiros e dun dos seus fillos bastardos, Recambios Tucho. E botando a vista máis atrás, claro, dos primeiros Siniestro Total. Formados en terra de viños, a cabalo entre Barrantes e Cambados, Noite Fechada reivindica o espírito festivo e irreverente que durante décadas caracterizou ao rock galego, ao que coas súas letras aínda lle soben un pouco máis o ton. Coa resaca da recente Festa do Tinto de Barrantes aínda na cachola falamos con Carmelo Abollo do moito que está a dar de si a curta pero intensa traxectoria desta banda.

-Nos seus primeiros dous anos de existencia deron máis de cen concertos. Por que cren que aconteceu isto cun grupo como o seu?

-Nin nós o sabemos. Fóisenos das mans [rise]. O grupo empezou como un divertimento, sen maior pretensión que xuntarnos unha serie de músicos que viñamos doutras bandas, disfrazarnos e pasalo ben. Pero empezou a molarlle á peña, empezaron a chamarnos de locais e de festivais e démonos conta de que lle gustabamos a máis xente da que pensabamos. Supoño que é porque nós pasámolo en grande e o rollo é recíproco.

-Ao principio tuneaban as letras de temas clásicos do rock. Agora xa teñen un primeiro disco con composicións propias.

-O das versións era necesario para empezar, pero dende o principio tivemos claro que queriamos facer temas propios. Na mesma liña, pero propios.

-Máis que versións eran diversións ou perversións...

-Si, respectabamos a música pero nas letras diciamos as burradas que nos apetecía.

-Nos temas propios, moderaron o ton?

-De momento, non. Miña nai case renega de min cando escoitou o disco. Mandoume un whatsapp no que me dicía «eu non sabía que tiña un fillo tan bárbaro». Con esas palabras. Se cadra ao mellor o suavizamos un pouco para o próximo disco. Dios dirá...

-Musicalmente o mesmo lle dan ao hard-rock que ao indie-pop ou ao reggae.

-Gústanos non encasillarnos nun estilo. Penso que deste xeito os concertos son moito máis divertidos que os deses grupos que parecen que todas as cancións soan iguais.

-Cren que os poden tomar en serio con esas pintas?

-Nós tomámolo moi en serio. O que non quita que nos divirtamos e que nos guste saír disfrazados.

-De onde sacaron ese uniforme?

-É como a nosa música, unha mestura de moitas cousas. A kilt escocesa, a saia tradicional galega o chaleco de gaiteiro... E, por agora, así quedou.

-O ano pasado en Cambados tocaron para 15.000 persoas, como foi a experiencia?

-Saímos mortos de medo, pero para nós foi ver cumprido un soño moitísimo antes do que pensabamos. Agardamos que sexa só o primeiro.