Lueiro Rey, xornalista

Xesús Alonso Montero
XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

10 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos no ano do centenario do nacemento do escritor Manuel Lueiro Rey (Fornelos de Montes, 1916-O Grove, 1990). En xeral, é lembrado polas súas páxinas de narrador e de poeta, nomeadamente desde que se interesou a fondo polo seu labor Ramón Nicolás, a quen debemos traballos e edicións que os lueirófilos agradecerán sempre.

Agora o profesor Ramón Nicolás acaba de publicar en Laiovento unha recompilación de artigos en galego que titulou Novas crónicas dunha transición intransixente (1977-1988), título inspirado no volume do propio Lueiro de 1985 Crónicas de una transición intransigente (Ediciós do Castro). A presente compilación contén un breve limiar meu que titulei «O ?intransixente? Manuel Lueiro Rey», onde o vocábulo «intransixente», moi lonxe de ser un reproche ou unha admonición, é unha caracterización do «cronista», quen, desde os seus postulados democráticos, estaba condenado a non transixir con certas realidades políticas posteriores á morte de Franco, impostas non polos vellos antifranquistas, senón polos que viñan do franquismo e fuxían, coma do lume, de termos como República, laicismo, políticas efectivas cara á igualdade? As «crónicas» que publicou Lueiro n?A Nosa Terra e nalgún outro periódico entre 1977 e 1988 leranas con especial deleite, hoxe, as xeracións novas que veñen do 15 M ou que, dalgún xeito, están nesa onda.

Quizais os do 15-M non sabían que Lueiro Rey, o «vello» Lueiro Rey, está no ronsel do discurso ético e cívico que hoxe move, con máis ou menos reservas, o pulo de moita xente. Presentamos o libro en Pontevedra o 2 de xuño nunha das cinco xornadas en homenaxe ao escritor, nesta, concretamente, ao xornalista. Na organización está o saber de Ramón Nicolás e Ramón Rozas, ademais da pericia e o entusiasmo de Carmen Carreiro.

Foi nesta Xornada onde Ramón Rozas exhumou, mesmo para os máis eruditos, artigos de Lueiro publicados no Diario de Pontevedra sobre Antonio Machado (1964) e Bertolt Brecht (1966) que tiveron que sorprender daquela polo seu esquerdismo. Aínda hai que exhumar bastantes páxinas xornalísticas da época de Franco e, mesmo haberá que rescatar as que publicou, moi novo, en El País, de Pontevedra, antes da Guerra Civil. Era o xornal que dirixía aquel gran periodista que se chamou Roberto Blanco Torres, «paseado» en terras de Entrimo en outubro de 1936.