G. Laverde Ruiz (1835-1890)

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

03 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de maio, a Xunta de Galicia organizou, en Outeiro de Rei, un breve acto de homenaxe a Manuel María no colexio público Gumersindo Laverde Ruiz. Foi previo ao acto central do Día, o protagonizado pola Real Academia Galega, na mesma vila, patria de Manuel María, no predio da Fundación homónima. Eu disertei, brevemente, no primeiro acto e aproveitei a ocasión para aclarar que aquela tribuna, a do colexio público, era acaída para aquela actividade literaria, pois don Gumersindo Laverde non só foi un importante home de Letras na España do XIX, senón que non foi alleo ao discurso filolóxico galego dese século.

Na súa época de catedrático de Retórica e Poética no Instituto de Lugo (1863-1873) publicou un libro moi erudito, dentro do pensamento tradicionalista, co título Ensayos críticos sobre filosofía, literatura e instrucción pública (Lugo, 1868). Imprimiuse no mesmo obradoiro gráfico de Soto Freire, quen, nese mesmo ano, editou a Gramática gallega de Juan Antonio Saco Arce, un fito na nosa bibliografía lingüística. Non era alleo don Gumersindo ás inquedanzas lexicográficas, tanto que recolleu voces galegas que lle parecían de interese. Xeneroso, agasallou a don Marcial Valladares cun centenar de vocábulos. O ilustre lexicógrafo agradéceo, no prólogo do seu Diccionario gallego-castellano (1884), nestes termos: «... cien [voces] de ellas espontáneamente facilitadas por el buenísimo señor D. Gumersindo Laverde Ruiz, gloria indiscutible de los hablistas, poetas y eruditos españoles de nuestros días, no obstante los padecimientos que le aquejan... ». Hai que supoñer que algunhas destas voces, de orixe chairega, abundan no léxico poético de Manuel María. Don Gumersindo, santanderino de nación, casara en Outeiro de Rei con dona Josefa Gayoso.

Laverde Ruiz, logo catedrático de Literatura española na Universidade de Santiago, estivo atento ás Letras galegas do seu tempo como pode verse no epistolario con Menéndez Pelayo, do que foi, en certos aspectos, mentor e informador. Hai máis. En 1888, na revista Galicia Humorística, publicou un epigrama en lingua galega, texto que o converte no primeiro poeta alófono en idioma galego. Non é unha alfaia do xénero pero posúe este valor documental.