De novo, o bou «Eva»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Aconteceu no Berbés (Vigo) a noite do 22 de abril de 1937. Nesa noite, nove republicanos -que viviran meses agachados como toupeiras- ocuparon o bou, non para iren de pesca senón para fuxiren rumbo a un porto da España leal e, xa alí, incorporárense á loita contra os sublevados do 36. Delatados, non tardaron en ser cercados por falanxistas, gardas e outros xendarmes, que, desde un alxibe, introduciron unha mangueira de auga que asolagou a sala de máquinas na que se agruparon aqueles nove camaradas, aqueles nove «irmáns», como relatou, en prosa de ouro, pouco despois, Rafael Dieste, amigo dos dous galeguistas do grupo, curmáns de Castelao.

Foi Dieste quen precisou que, ao non rendérense os nove republicanos, os xendarmes franquistas recorreron á auga quente («auga fervente»), extremo ausente noutras fontes. Eles, os nove -oito homes e unha muller-, moi conscientes de que, se se entregaban, serían torturados antes de os executaren, acordaron o suicidio. Foi «a morte lanzal» de que fala Dieste no título do seu conmovedor artigo. De Dieste son, tamén, estas palabras: «¿Cando foron máis irmáns oito homes e unha muller?». Un dos homes era Ángel Nogueira, marido de Carmen Miguel, comunistas. Había dous comunistas máis, tres socialistas e dous galeguistas, polo tanto unha representación case completa do Frente Popular en Galicia.

A editorial Discursiva acaba de publicar unha obra de teatro co título diesteano Unha morte lanzal, e co subtítulo A traxedia do bou «Eva», obra de Julián Rodríguez Novo que se presenta hoxe, ás 19.30, na Casa do Libro de Vigo. Acompañaranos Concha Nogueira Miguel (85 anos), que aínda lembra como seus pais se despediron dela e da súa irmá, máis pequena, en abril de 1937.

Como se di no prólogo do volume, parece que chegou a hora de que esta terrible traxedia, acaecida en Galicia na Guerra Civil, comece a ter o coñecemento e o recoñecemento que feito tan singular esixe. Cómpre salientar, deste volume, o debuxo da cuberta, de Antón Pulido, e un breve texto, que figura na contracuberta, de Cándido Pazó, home de oficio que sabe moi ben de que fala. Nel chega a afirmar: «Pero sempre serán poucas as pezas que se ocupen das traxedias dos que quixeron asaltar os ceos para que a terra puidese ser ?o paraíso, patria da humanidade?. Esta é unha delas. Que mellor celebración que a ler! Que levala á escena!».