Gonzalo Hermo: «Son deliberadamente feminista. Esa revolución é boa para homes e mulleres»

FUGAS

UNHA FIESTRA AO INADVERTIDO. A escrita de Gonzalo Hermo ten ollos para o que adoita pasar desapercibido. PACO RODRÍGUEZ

Ten 29 anos, dúas obras, «Crac» e «Celebración», Unha vocación á que non lle pon causa e un vínculo maior «coa escrita de certas mulleres que coa dos homes». Premio Nacional de Literatura na modalidade de poesía nova, el dise mellor lector que escritor. «Espantallo amigo», de Neiras Vilas, foi o primeiro libro, o que lle espertou o gusto polas letras. Duro co sistema educativo, Hermo entende a poesía como un espazo grande de liberdade

21 may 2016 . Actualizado a las 18:20 h.

«Eu son un rapaz de aldea. Iso marca moito», conta Gonzalo Hermo, Premio Nacional de Literatura por Celebración (Apiario). E é como se Neira Vilas e Balbino sentasen a tomar café para botarlle un ollo á conversa. «As relacións que se establecen no rural son moi diferentes ás da cidade -afirma o poeta-. Eu son un rapaz que ademais pasou parte da infancia en Vigo e que despois foi levado a Taragoña. Ese cambio da cidade ao rural foi para min... non sei se dicir traumático; foi entrar nun mundo totalmente distinto». El medrou nun espazo corrente, sen moitos libros, pero tamén «sen o rollo edípico» que ás veces pesa nos fogares onde os fillos han estar á altura da paixón literaria dos pais. Espantallo amigo foi o primeiro amor, o primeiro libro que non puido parar de ler. «Marabilloume». Como despois Rosalía ou Elfriede Jelinek. Como axudan os libros a ler en nós? «Ábrennos perspectivas, axúdannos a confrontarnos con nós mesmos. E coñecerse parte de cuestionarse», asegura o autor que se revelou con Crac (Barbantesa).

-En «Crac» fala dun deber: escribir contra o propio sexo. É vostede un home deliberadamente feminista?

-Creo que si, que son deliberadamente feminista. Crac está escrito desde un polo non hexemónico. Do lado do feble, do subalterno. E na ecuación home-muller está claro cal é o polo subalterno e o que cómpre axitar. Sempre intento que a miña escrita sexa igualitaria; iso é o que significa o feminismo. E percibo que hai nos poetas homes un cambio de chip que vén dese camiño que comezaron nos 90 autoras como Yolanda Castaño ou Olga Novo.

-Aínda pesa e respéctase máis a voz e o criterio dos homes?

-Eu téñoo claro. Si. E iso de que o feminismo é cousa de mulleres é un erro. O patriarcado estrutura a sociedade, aféctanos a todos. Os homes vémonos beneficiados, pero sufrimos a desigualdade na medida en que se nos obriga a ser sempre fortes, a non fraquear. A revolución feminista é boa para homes e mulleres.

-Determina o xénero a forma de escribir?

-Non necesariamente. Pero as mulleres, sobre todo as mulleres conscientes, teñen unha sensibilidade especial. Hai autores homes que se achegan a esa sensibilidade. Eu con 15 anos lin O amante, de Marguerite Duras, e impactoume. Teño unha vinculación moi clara coa escrita de certas mulleres, como a da Nobel Elfriede Jelinek. Recoñezo a miña voz máis nelas ca nos homes. Nese non ser autoritario no que escribo, senón máis suxestivo, máis aberto.

-Por que é poeta? Foi un clic, un crac, un camiño lento de descuberta?

-Non foi algo lento. Escribo desde novo. Non souben nunca ben por que. Estivo comigo dende o principio e acéptoo sen poñerlle causas.

-Hai que ler moito para chegar a escribir ben?

-Escribir ten moito que ver con ler e con saber ler. Un escritor é tamén un gran lector. Se non, algo falla.

-Como cambia a percepción do que escribe vostede respecto á obra dos outros?

-É moi distinta. Eu non son capaz de obxectivar o meu traballo. Intento ser autocrítico, poño en tea de xuízo todo o que fago. Pero nunca chegas a ser tan obxectivo contigo.

-A vaidade do escritor pode ser un lastre para a obra.

-A min os autores compracentes non me gustan nada, os que escriben sempre na mesma dinámica porque lles funciona. Podo apreciar os artistas vaidosos e ser incapaz de oílos falar. A vaidade pode contaminar unha obra.

-Non cae ás veces na tentación do superfluo?

-Pode que si, pero intento non caer.

-Que é a poesía?

-É un espazo no que todo sucede dentro. Os poemas refírense, case sempre, a si mesmos. É un xénero no que a linguaxe está en carne viva, en cuestión. A poesía fala do que pasa desapercibido.

-Debe o poeta ser comprometido?

-Non me gustan os manifestos de intelectuais; parten dunha visión clasista, a do intelectual que guía ao pobo. Agora estamos noutra época. O poeta debe estar implicado na sociedade na mesma medida que calquera outra persoa.

-«Celebración» ten a atmosfera do «Libro del frío», de Gamoneda.

-É unha influencia de primeira orde. Celebración comeza coa cita de Gamoneda: «He llegado, por fin; éste no es mi lugar, pero he llegado». Pasa o mesmo en Celebración. A estrañeza vainos acompañando sempre. O mundo é raro. E nós tamén.

-A educación está en boca de todos. Que ocorre hoxe nas aulas, que son o futuro?

-O sistema educativo non está preparado para crear cidadáns felices, senón traballadores precarios que encaixen no sistema económico. O camiño das reformas educativas vai cada vez máis pola presión cara á escolla rápida dos rapaces, mesmo cando non están preparados para escoller. Iso é moi perigoso. Aí non encaixa nada o poético.