«Cando empezaron os tiros e viñeron buscar ao meu pai, el sinalou os libros e díxolles: 'Estas son as miñas armas'»

As Irmandades da Fala están vivas na casa de Elvira Varela Bao. Naceron dez anos antes ca ela, que foi vendo, cos seus ollos de nena, como ían cambiando a lingua, o teatro e os compromisos coa xente e coa terra. Todo o que podían, porque «antes das Irmandades non había nada», lembra esta filla de actores e membros activos do grupo da Coruña constituído fará o próximo 18 de maio cen anos

;
«Antes das Irmandades non había nada» Elvira Varela Bao, mestra e filla de dous membros das Irmandades da Fala, lembra a época na que a lingua e o teatro comezaban a mudar. Entre os seus recordos, non esquece o paso da súa nai pola cadea en 1936.

Dá a dirección da súa casa deixando xa claro o lado da vida polo que camiña: «É o segundo esquerda, como debe ser». Elvira Varela Bao (A Coruña, 1926) vai amosando ducias de obxectos: a bandeira das Irmandades da Fala, «un dos primeiros retratos de Rosalía que había», a Constitución da República de 1931, unha imaxe do Santo Grial... «Esa é unha caricatura que Cebreiro fixo do meu pai» [Bernardino Varela, capitán da Mariña que formaba o cadro de actores das Irmandades e foi o editor dos primeiros contos en galego]... Entre os obxectos chama a atención unha pequena placa de madeira que pon: «Dª Elvira Bao, Cárcel de La Coruña». Con este carteliño facíanlle chegar algunhas cousas á súa nai, mestra no sanatorio de Oza e actriz das Irmandades, cando a prenderon e encadearon no verán de 1936. O delito do que a acusaron foi o de «defender a igualdade de dereitos», lembra a filla, mentres dá voltas nas súas mans á taboíña. Tamén lembra, «cando empezaron os tiros», e viñeron buscar ao seu pai, remexeron a casa, preguntáronlle se tiña armas e «o meu pai sinalou os libros e díxolles: estas son as miñas armas». E así, cando a historia das Irmandades non está nos libros e nos obxectos, alumea na memoria desta muller, mestra sen título, viúva dun enxeñeiro estadounidense (seu pai aprendeulle inglés cando era nena) e quen de cantar algunha das cancións coas que foi recibida a Segunda República.

-Qué importancia tiveron as Irmandades?

-É que antes non había nada. O que hai agora débeselles a eles, a todo o seu traballo.

-E nesa nada estarían os dereitos da muller, non?

-Bo, aí nada de nada. Miña nai foi das primeiras que cortou o pelo, que cortou a saia. Contaba que as veces ían por aí de paseo ou «de excursión» e vían mulleres que dicían que ían atadas como as vacas, porque levaban as saias ata abaixo. As Irmandades eran o exemplo. Antes deles estivo Murguía, que foi o que empezou, e Viceto... Lémbrome de que eran fanáticos, fanáticos da terra, o seu amor a terra era unha cousa tremenda. Había xente que tiña as nosas cousas, as dos galegos, como o peor, e eles dicían que non, que era o mellor e, se non o eran, había que melloralas.

-Que facían os seus pais?

-Eran do cadro artístico das Irmandades, os dous eran actores. Miña nai sei que era unha actriz fantástica pero non se daba importancia ningunha. A min tenme contado Mariñas [Genaro Mariñas], que tiña devoción polos dous pero que miña nai era algo tremendo, que si se houbese dedicado a iso sería unha Sarah Bernhardt.

-Que obras teatrais facían?

-Había un zapateiro que lle chamaban o zapateiro poeta, que era Sanluis, e foi o que escribiu O Fidalgo, unha das primeiras obras de teatro. Representárona os da Irmandade coa miña nai, e o meu pai facendo de vella. Cando acabaron seica case cae o teatro, tanto aplaudiron. Porque cando meu pai, un home novo e ben parecido, quitouse todo aquilo engadido para facer de vella, a xente quedou asombrada. Isto era polos anos vinte.

-Había outras formacións teatrais na cidade?

-Nos números que teño eu de A Nosa Terra, que era o xornal das Irmandades e que o meu pai encadernaba e anotaba, hai un no que di que Linares Rivas, que era un dramaturgo de sona, estreou no teatro que levaba o seu nome unha obra que se chamaba Cristobalón. E, como pasaba sempre, todos os protagonistas eran magníficos, pero o animal, o besta, o ignorante, era galego. E daquela foron patearlle a obra. O meu pai deixou anotado que as protestas fixeron que Linares Rivas retirara a obra, e tamén anotou que a policía intervíu e zoupoulle a Lugrís.

-A Manuel Lugrís?

-Si, a Lugrís o vello, como digo eu; os outros son novos. Esas son cousas que están anotadas por meu pai no mesmo periódico. Por iso digo que eles traballaban e agora recóllese o que eles sementaron. Teño por aí unhas obriñas que os meus país representaban no cadro artístico das Irmandades, algunhas traducidas dun autor sueco.

-Do sueco?

-Imaxino que sería a través do inglés porque o meu pai falaba inglés e francés.

-Como aprendera?

-Era capitán da mariña mercante. Fíxose cando tiña 17 anos, e piloto aos 15. Mira aí, está o diploma da Liga Marina Española que era como o Ministerio de Marina ou algo así. Tamén daba clases gratis de náutica.

Pon Varela Do Campo...

-Si, el galeguizou o apelido.

-Ensinoulle inglés?

-Galego, castelán e inglés. Eu cheguei onde cheguei grazas ao idioma. Na Coruña aínda estaba o café Galicia, onde está hoxe o Banco Pastor, e facían as tertulias alí. Cando saiamos da escola, íamos coa miña nai buscar ao meu pai. Alí, e non se me esquece, había mesas de mármore e para que eu aprendera o meu pai escribía nas mesas: one, two, three... Eu estaba toda fachendosa e falaba coa xente dos barcos.

-Que estudou vostede?

-Eu son a sen título. Tiña dez anos cando deixei a escola e todo o demais... Tiña a escola na casa. Cando empezaron os tiros, aquel verán do 36, miña nai estaba no sanatorio de Oza cos nenos (que tiñan diversas enfermidades pero entonces non había medicina como agora, había sol e mar, que eran as curas) e tiña que dar as clases individuais, de cama en cama. E de tanto sacalos ao sol, como daquela non había gafas, acabou con cicatrices nas córneas e logo tivo desprendemento de retina. Ao final xa non vía e eu líalle o periódico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
26 votos
Comentarios

«Cando empezaron os tiros e viñeron buscar ao meu pai, el sinalou os libros e díxolles: 'Estas son as miñas armas'»