Un recoñecemento plural

Ramón Nicolás

FUGAS

CESAR QUIAN

O Instituto de Estudios Carballiñeses escolleu como socio de honra da institución ao profesor Xesús Alonso Montero. Esta publicación, que conmemora así a súa trintena, engade outra dimensión a ese nomeamento

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha fe inquebrantable nos principios nos que cre e devoto de Ortega e Antonio Machado definíase, non hai moito tempo, o profesor Xesús Alonso Montero nunhas respostas ao célebre Cuestionario Proust. Para coñecer máis á persoa, sen esquecer a polifacecia que testemuña o seu carácter intelectual -ese «poliedro enorme, rico e complexo», en feliz afirmación de Víctor F. Freixanes- ofrécese aquí un libro que recala nas súas facetas como docente, orador,  filólogo, dialectólogo, antologuista,  poeta, ensaísta,  político, editor ou (socio)lingüista: un monográfico da revista Ágora do Orcellón, dirixida polo profesor Avelino Muleiro, que se une a ese ronsel de publicacións que recoñeceron, nos últimos anos, a relevancia do papel desenvolto por Alonso Montero como foron Cinguidos por unha arela común (Universidade de Santiago, 1999) e o volume Ex toto corde (tresCtres, 2009).

Nesta ocasión son corenta voces as que se suman á intención que goberna a iniciativa, cifrada polo propio Muleiro nas coordinadas de amosar unha visión panóptica do homenaxeado e, ao tempo, plural pois as achegas proveñen tanto do universo académico como doutros círculos, alén de propostas ensaísticas ou poéticas realizadas ad hoc para este libro.

Teño para min que estas páxinas atesouran moitos méritos pois non é doado construír unha publicación colectiva destas características. Nela, ademais de actualizarse moita información, repárase desde as instancias da reflexión en ángulos por veces un tanto escurecidos da biografía do autor e, ao tempo, descóbrense novas iniciativas que atinxen a proxectos afortunadamente en marcha. Unha achega, en fin, que convido a coñecer porque agroma nese territorio cultivado polos afectos e a admiración.

Ágora do Orcellón. Homenaxe a Xesús Alonso Montero. Ensaio. Avelino Muleiro (dir.). Instituto de Estudios Carballiñeses. 216 páxinas