Cen anos de Cela

FUGAS

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que case todos os novos escritores españois querían ser Camilo José Cela. Sucedeu isto poucos anos despois de terminar a Guerra Civil, cando o padronés triunfou con La familia de Pascual Duarte (1942), unha novela que reivindicaba o tremendismo narrativo tanto na forma coma no fondo. O futuro Premio Nobel tiña daquela 26 anos e España era un ermo intelectual no que medraba unha longa noite de pedra, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro. Os que soñaban entón con vivir da escritura ían ás tertulias madrileñas do Café Gijón para admirar a Cela, que encarnaba, co seu éxito, a gran excepción.

Mais esa etapa non durou tanto como o propio Cela quería. A irrupción dos escritores do boom latinoamericano veu cambialo todo. De súpeto, García Márquez, Vargas Llosa, Cortázar e outros subiron ao trono da literatura co realismo máxico e afastaron a moitos lectores da obra de Cela. Algo que o padronés nunca lles puido perdoar e que o levou a combatelos abertamente, non sempre con acerto nin con rigor. Acabou mesmo atacando aos novos escritores españois que simpatizaban cos americanos (Antonio Muñoz Molina, Julio Llamazares) e aproveitaba calquera ocasión para relegar ou desbotar aos do boom. Mais cometeu o erro de meterse co uruguaio Juan Carlos Onetti, que vivía en Madrid e que era un dos máis queridos polos lectores españois e sobre todo polos que tivemos a honra de coñecelo e tratalo. Onetti era o escritor que mellor fundira a propia imaxe persoal coa súa singular obra literaria. A cidade de Santa María, que el creou coma unha esperpentización memorial de Montevideo, é a tradución urbana de Macondo. O escritor de Padrón pinchou en óso ao meterse con el, mais non por iso deixou de loitar.

Cela quería o Premio Nobel e para iso era necesario agardar a que pasase o tempo da devoción latinoamericana, pero sen que o silencio se impuxera nunca sobre o seu nome. A gran virtude de Cela estaba na lenda do seu escudo ideal: «O que resiste, gaña». E gañou. E a súa vitoria tivo un enorme mérito, porque foi o triunfo dun escritor que nunca se rendeu. Poderánselle botar enriba moitas críticas (algunhas imbéciles e escuras), pero nunca se poderá negar o seu carácter indómito. O vindeiro 11 de maio é o primeiro centenario do seu nacemento. Unha ocasión para reivindicalo como loitador e como escritor.