Cervantes 400 anos despois

FUGAS

18 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 400 anos que morreu Miguel de Cervantes Saavedra (23-4-1616), o escritor máis emblemático e singular da literatura española, que non tivo comparanza na súa época nin nas posteriores. Fronte aos seus contemporáneos, resultou ser un autor diferente, un innovador radical, un xenial desvelador de identidades, un compositor de soños e un retratista de ideais. Por iso é incomparable e, de certo,  ninguén con criterio literario se empeña en comparalo con Lope de Vega, Quevedo ou Góngora, que, en cambio, eran comparables entre eles. Cervantes foi outra cousa.    

Escribiu Julián Marías que, en rigor -e malia todos os intentos que se poidan suceder- xa non é posible facer a súa biografía. Faltan moitos datos e hai moitas etapas escuras. Pero, en cambio, si que podemos saber quen foi, porque el mesmo nolo descubre na súa obra. E sobre todo deixa claro -querendo ou sen querer- que non se parece aos outros, é dicir, que a súa «unicidade cualitativa» non ten comparanza.

¿Foi un escritor alleo á tradición literaria española? Todo o contrario. Foi un creador radicalmente español de todas as Españas. Tan claro que, como afirmou o propio Marías, «sería imposible imaxinalo italiano, francés ou inglés». E, de feito, hoxe non podemos concibir culturalmente España sen el, é dicir, sen o que nos identifica e nos diferenza, sen o que nos singulariza por todo o mundo adiante. Porque el representa a verdadeira innovación de todo o noso, é dicir, de España.

Orson Welles sentiuse sempre moi atraído por Cervantes e por España. Loitou moitos anos por sacar adiante a súa película sobre o Quixote, que, ao cabo, terminaron outros de mala maneira. Foi un esforzo moi atinado por traer o personaxe ao século XX co propósito de demostrar a súa intemporalidade, a súa permanente actualidade. Polo Quixote non pasan os anos e por iso Welles ousaba sacalo entre coches ou nas touradas dos Sanfermíns. Porque non é alleo a ningún tempo. De feito, é vida e reflexión sobre a vida, sen límites. Un pensamento lúcido que cabalga sobre todas as páxinas. Desa magnitude sideral sería o oco na nosa literatura de non existir Cervantes! Pero existiu. E o feito de que nos falte tanto por saber del tamén é bo. Os seus vinte anos anteriores a publicar o Quixote están cheos de lagoas insondables. Nin sequera se pode dicir que non estivese en Galicia!