O cotián como inspiración

Ramón Nicolás

FUGAS

Velaquí unha nova entrega de Ramón Caride na que brilla o escalpelo crítico aplicado a unha sorte de «Apocalipse Selfie», operativa para retratar os nosos días

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Relatos e mais unha novela curta ou, se se quer, unha novela curta entre a que se dispoñen outras historias breves. No fondo tanto ten a estrutura, aínda que resulte ben traída esa imaxe de fragmentación como metáfora da realidade, pois Caride Ogando articula un libro compacto onde prima a vontade de espellar eses ángulos máis escuros que non adoitan iluminarse literariamente e que beben no mundo do cotián. Eses que atopamos nas páxinas dos xornais aludindo á perentoria necesidade de triunfar a todo custo, á afouta resistencia que algunhas persoas demostran en condicións extraordinariamente adversas ou á procura da supervivencia noutras.

Velaquí un compendio heteroxéneo de reaccións e comportamentos; presentes como motivos nos relatos que van do racismo á extorsión, das escravitudes laborais á mercantilización do sexo, das prácticas de suborno á prevaricación, do deseño das contradicións humanas ao falso mundo das aparencias, do mercado negro de órganos ás incompatibilidades persoais ata acabarmos nunha recreación da «xustiza pola man» rosaliana. Todo completado, na novela curta que se acrecenta, cunha historia que reflicte as reviravoltas dun secuestro exprés: motivo que resulta operativo para afondar na reflexión sobre outras realidades da condición humana que están aí.

Raro sería que nesta nova entrega de Caride non confluísen trazos que o caracterizan como a habilidade compositiva, a fluidez nos diálogos, o dinamismo na disposición argumental ou a verosimilitude das historias ideadas, mais talvez destaque ese pouso desacougante que paira por estas páxinas e que interroga con efectividade sobre moitos asuntos de hoxe. Ese é, ao meu xuízo, un gran valor.

Liquidación de existencias. Relatos. Ramón Caride. Xerais. 152 páxinas. 16,65 euros