«A vida é o sentido»

Ramón Nicolás

FUGAS

Álvaro Ballesteros

María do Cebreiro constrúe unha metáfora da vida nun dos libros máis salientables da súa celmosa traxectoria poética: «O deserto», un libro para ler e tocar

26 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O deserto. Poesía. María do Cebreiro. Apiario. 69 páxinas. 16 euros

Internarse polas páxinas deste libro supón un desafío, un reto suxestivo que conleva, implicitamente, predispor os sentidos para atopar outra cousa: algo, sen dúbida, esixente mais aseguro que nada frustrante; algo diferente mesmo no percorrido creativo que exhibiu, até o de agora, María de Cebreiro.

E os sentidos que primeiro se esixen son a vista e o tacto por mor dese singular «continente» no que se envolve: o deseño que Apiario ideou  incorpora unha disposición acaída ao espírito do libro: unha invitación a establecer unha lectura parella á que se facía co formato dos devocionarios: oracións que se converten aquí en versos para meditar, para os que aínda acreditamos na poesía. Deste xeito articúlase un encontro suxestivo e ricaz entre a linguaxe verbal e a iconográfica, explorando os límites desa confluencia que, neste último caso, aluden á tradición cinematográfica e á pictórica de inspiración relixiosa, agochando sorpresas como estampas ou páxinas desdobradas que definen un traballo editorial espléndido.

É na dimensión verbal onde O deserto adopta un discurso poeticamente subversivo, abeirado ás secuencias de carácter narrativo con notas ao pé do poema, arroupándose cunha tonalidade elexíaca e mística. Transmítese con limpeza unha esculca vitalista naquilo que a existencia nos doa, mais tamén na morte e no corpo: na doenza, na ferida, na dor, no sangue, na pel; na maternidade e nas identidades, na soidade e na comunidade. Con todo iso eríxese unha reflexión totalizadora que percorre os estadios da memoria e das lecturas, do vivido ou imaxinado, da vida sempre. Nun poema afírmase que «a vida non ten sentido. A vida é o sentido»: velaí o compendio, talvez, do deserto que este libro, con fondura, nos aprende a atravesar.

O deserto. Poesía. María do Cebreiro. Apiario. 69 páxinas. 16 euros