«O Premio Nacional confirma que na nosa lingua tamén é posible voar alto»

A viguesa Ledicia Costas encara o 2016 con forza tras ter acadado nos últimos meses dous dos grandes galardóns da literatura infantil. En outubro foi o Premio Naconal e hai días chegou a confirmación oficial de que a súa obra máis recoñecida, «Escarlatina, a cociñeira defunta», entraba na lista de honra Ibby, un catálogo bianual dos libros mundiais de maior prestixio. En marzo publicará a precuela desta suculenta novela na que, de novo, volve desmitificar a morte con moito humor


Ledicia Costas (Vigo, 1979) recoñece con orgullo que o 2015 foi un ano que non vai esquecer, tanto polos galardóns obtidos como polo emocionante recibimento co que a acolleron en máis de cen escolas galegas. Mentres saborea o enorme éxito de Escarlatina, a cociñeira defunta, unha novela coa que logra con humor que a morte resulte de fácil dixestión para os nenos e pola que obtivo en outubro o Premio Nacional de Literatura Infantil, a autora ten a piques de saír do forno a súa precuela (título que aparece despois pero que na cronoloxía é anterior), Esmeraldina, a pequena defunta, unha obra que explica o falecemento da protagonista, unha espelida cociñeira que neste caso deberá aprender a ser unha pantasma.

-¿Que lle supuxo a concesión do Premio Nacional?

-Cambioume a vida no senso de que comezan a contar contigo para proxectos realmente ilusionantes, nos que teño moita fe. Tamén empezas a estar en espazos ou foros aos que non accederías doutro xeito. En maio, por exemplo, vou ir convidada polo Instituto Cervantes e pola Universidade de Nova York a esta cidade, unha oportunidade moi emocionante. De todas formas, para min o mellor foi que me outorgasen o galardón cunha novela escrita en galego, o que confirma que na nosa lingua tamén é posible voar alto. Despois do premio chegou a inclusión na lista de honra IBBY (International Board on Books for Young People) o que lle garante unha gran visibilidade no mundo.

-Logo do éxito de Escarlatina, ¿é un reto aínda maior atraer de novo aos nenos cunha obra de temática similar e sempre difícil como é a da morte?

-Dende logo. Primeiro, porque eu quería escribir un libro que puidese funcionar de forma independente, sen necesariamente ter lido o de Escarlatina. Tiven moitas dúbidas con ambos títulos. O primeiro parecíame ao comezo unha obra absolutamente disparatada. Non sabía tampouco, ao tratar un tema tan delicado como a morte, se conseguiría transmitir o que quería e, sobre todo, divertir. Aínda así, tiña claro que o humor sempre funciona, ao permitirlles aos nenos gozar da lectura por medio do divertimento. No de Esmeraldina era todo aínda máis difícil ao centrarse na mesma temática, pero hai que tirar de imaxinación e traballar moito. O proceso da escrita para min é unha auténtica montaña rusa porque dubido moito e tamén sufro. Sen embargo, creo que isto é necesario para que o texto funcione e o día que perda iso, mal imos. 

-Aínda así, unha constante na súa traxectoria é a valentía, con apostas como o acoso escolar. ¿É unha obriga do escritor tratar temas controvertidos e desmitificar tabús?

-Para min, si. Hai que ser valentes na escrita, intentar fomentar a capacidade crítica e achegar temas difíciles, a pesar de que haxa episodios que poden remexer ao lector pola carga que teñen. Cos máis novos pódese, e é necesario, abordar calquera contido, non facérllelo invisible. A chave é o xeito de contalo, o rexistro. 

-Este ano tamén publicará Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante, unha obra coa que logrou en novembro o Premio Lazarillo. ¿Agardaba o novo galardón?

-Para nada, supuxo a consagración do ano, cun título, ademais, tamén escrito en galego e ambientado no Vigo do século XIX. A miña intención con el é renderlle unha homenaxe a Julio Verne e as súas novelas de aventuras. Ao ter estado na cidade dúas veces, parecíame interesante tirar dese fío e presentar unha historia de ton fantástico sobre unhas mulleres metade humanas metade plantas. No relato quixen incluír os inventos, tan atractivos, do escritor e reflectir o seu carisma. Tamén se defende nel outro tema interesante, que pode resultar controvertido, como é o amor na vellez. 

-¿Os premios esíxenlle máis?

-Non me debe pasar iso. Hai que darlles importancia pero sen perder a perspectiva e ter claro que o único que me debe preocupar é traballar moito os textos e nunca dalos por rematados alegremente. Tampouco creo que haxa unha receita máxica de éxito. Se escribise así, creo que sería un fracaso. O plan que sigo é non ter plan. Teño unha idea xeral do tema e despois guíome polo meu instinto e dedícolle moitas horas. Empápome desa aventura e case me obsesiono con ela. 

-¿Volverá ao rexistro adulto?

-Si, a miña intención é escribir este ano unha novela de corte realista ambientada na época actual. Teño un par de ideas pero seguro que cambiarán?

-O sector da literatura infantil galega goza de boa saúde, pero ¿xa chegou ao cumio ou aínda pode crecer máis?

-É certo que vivimos un momento excelente pero non creo que chegaramos á cúspide. Non nos podemos conformar. Temos que seguir pelexando por ter unha presenza moito máis sólida. Ademais, temos o hándicap da lingua. Que che traduzan segue custando moito. Ás veces pregúntanche que por que escribes en galego, un termómetro da problemática que xira arredor da lingua. Eu fun unha nena escolarizada en galego. Tomei conciencia e decidín escribir nesta lingua aos 14 anos. Co sistema educativo que temos creo que sería difícil que na actualidade se volvese a dar esa situación. Aínda así, e pese ás dificultades, estamos moi ben considerados e a nosa literatura ten moita calidade. 

-O editor Manuel Bragado (Xerais) xa fala da «xeración da esperanza». ¿Confírmase o salto xeracional?

-Somos unha xeración que corrobora que hai moito futuro para a literatura galega. É outro motivo para estar tranquilos, pero non podemos esquecer que moito do éxito actual llelo debemos a eses grandes escritores que abriron camiño e que seguen achegando moito. Eles permitiron que nós formemos parte da mesma cadea.

-Vostede coordina a revista Criaturas, un espazo de debate sobre a literatura infantil. ¿Hai un baleiro neste eido? 

-Parecíanos que faltaba un punto de conexión, unha publicación que estivese centrada no sector e que xuntase a todos os seus actores. Con todo, e a pesar destes inconvenientes, eu insisto e defendo un discurso positivo, de felicitarnos polo traballo colectivo que facemos. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

«O Premio Nacional confirma que na nosa lingua tamén é posible voar alto»