O futuro de Colmeiro


É un dos grandes pintores galegos destinados a ter un recoñecemento aínda moito maior do que hoxe teñen: Manuel Colmeiro (1901-1999). E isto é doado de predicir se se ten en conta a súa dobre condición de figura cume do Movemento Renovador da Arte Galega (con Maside, Laxeiro, Torres, Souto, Eiroa e Fernández Mazas) e de coprotagonista indiscutido da École Espagnole de París, a carón de Picasso, Dalí, Miró, Gris, Bores, etcétera, cos que participou en numerosas mostras. Nas tres conversas con el que publicamos o crítico de arte Xosé Antón Castro e máis eu o pasado ano, recollidas no libro Colmeiro por si mesmo, quedan desveladas as claves da súa vida e da súa arte, e moi especialmente as razóns que o levaron a destruir unha boa parte da súa obra abstracta (anos trinta), cando comezou a «dubidar da sinceridade da arte moderna», convencido de que todo o que el podía inventar era moi inferior ao que xa existía. 

Felizmente, non logrou queimar todo o seu obstracto e perduran obras que o redimen e enxalzan como pioneiro e que teñen un enorme valor retrospectivo para sitúalo na vangarda que protagonizou. De certo, Colmeiro arrepentiuse despois daquela queima, pero, malia todo, nunca acabou por ver na abstracción a súa fórmula preferente de expresión pictórica. 

A súa vida en Bos Aires e París endexamáis debilitou as raíces galegas que sempre  asomaban irrefreables na súa obra. Castelao, Maside, Xoán Carballeira, Rafael Dieste, Blanco Amor e Arturo Cuadrado (e tamén un Valle-Inclán no derradeiro ano da súa vida) foron dos primeiros en decatarse da forza e singulariedade do novo pintor, rexo coma un carballo da súa terra natal de San Fiz de Margaride (Silleda). No libro Pintores Españoles de la Escuela de París, Gerard Xuriguera escribiu de Colmeiro: «Sólido, macizo, parece enraizado nesa terra de Galicia onde vai cada verán para sentir mellor o peso das estacións e comunicar con esa casa paterna que non cambiou nada no transcurso dos anos. A lección de Colmeiro é a da humildade, da perseverancia, da experiencia posta ao servizo dunha frescura espontánea, nunca esquecida. 

E tamén, e sobre todo, unha lección de amor, unha comuñón coas fontes do home que vivifica toda a súa obra». O propio Colmeiro dicía que, de non ter a inquietude da arte, sería labrador. Pero púidolle a vocación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

O futuro de Colmeiro