Zënzar & Ruxe Ruxe, potencia galega nunha xira entre aliadosda vella escola

FUGAS

11 dic 2015 . Actualizado a las 16:39 h.

Entre os dous suman vinte discos, medio século de historia do rock feito en Galicia e pensado en galego, e unha actitude contundente que tanto tempo despois segue botando por fóra. Zënzar e Ruxe Ruxe veñen de asinar unha poderosa alianza que mañá chega ao Aturuxo, en Bueu, e continuará percorrendo as salas do país. A seguinte estación, Ordes, no Jatopús, un día despois de Nadal.

A osmose entre as dúas bandas funciona, perfectamente engraxada. A mellor mostra de que a cousa vai é a letra que Vituco, de Ruxe Ruxe, agasallou ao grupo que Bocixa capitanea en Ordes dende hai xa case que trinta anos. De feito, Camiñando Entre Serpes deu, ao cabo, nome ao décimo traballo de Zënzar, un dos dous motores desta xira. Moito que pensar, agora que algúns andan en campaña, ao fío dun disco inspirado polo mal goberno do público e a destrución dos modos de vida sostibles para crear un mundo no que a meirande parte do persoal vive escindido en dúas facetas de escravo e consumidor a un tempo. Os decanos contan sobre o escenario coa colaboración de Xenderal á beat box e de Xosé Manuel Ares á gaita.

A segunda turbina que move esta máquina chámase Un Mundo Perfecto. Décimo cedé, tamén, para Ruxe Ruxe, que nunca deixaron de reivindicar o bravú malia seren dos últimos chegados á festa. Daquilo van alá vinte anos nos que o son da banda non parou de medrar. A crenza en que cada un pode facer algo para, dende o máis pequeno, mudar esta grande desfeita, anima o espírito dun disco que no musical se achega ao punk rock sen prexuízos. Paga a pena botarlle un ollo ao traballo gráfico, co grupo demolendo a golpe de piqueta unha Cidade da Cultura de aires post-apocalípticos.

BUEU. Sala Aturuxo. 12 de decembro. A partir das 21.30 horas. 7 euros en compra anticipada, 10 euros na billeteira