Neira Vilas, aló polo 1969

Ramón Nicolás

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

A finais de 1968 o profesor Xesús Alonso Montero envía un completísimo inquérito sobre cuestións biográficas, literarias e de diversa índole a un total de 85 persoas. O material permanece aínda inédito baixo o título de «Dicionario da nova literatura galega». Aquí se rescatan para Fugas algunhas consideracións sobre esta iniciativa, asomándonos ao que nel se contén sobre Xosé Neira Vilas

04 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen hoxe preside a Real Academia Galega decide darlle forma a unha idea que lle levaba tempo roldando: facer chegar un inquérito a diversas persoas, maioritariamente intelectuais pero non só, que carecesen de obra publicada antes da guerra civil. O cuestionario conxugaba, na súa concepción, tanto cuestións relativas á propia biografía intelectual e creadora de quen o recibise como preguntas sobre un amplo abano de asuntos culturais, literarios e nalgunha medida socio-políticos. As respostas atesouran hoxe un inestimable valor nos eidos da socioloxía literaria mais tamén no que di respecto do perfil das persoas que responderon aquel cuestionario.

Unha das preguntas formuladas pretendía recadar información sobre os catro escritores galegos que se xulgaban máis importantes. No pensamento de quen respondeu, malia presentar Neira unha obra que daquela era aínda un work in progress conformado por Dende lonxe (1960), Memorias dun neno labrego (1961), Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967) e Historias de Emigrantes (1969), resulta significativo que Neira ocupe xa un dos postos máis salientables nas ocorrencias dos resultados, tras Rosalía, Castelao, Curros, Celso Emilo Ferreiro, Otero, Pondal, Valle e Vicente Risco. Así mesmo, diante da cuestión que reclamaba o título do libro máis relevante desde o ano 1960 o seu Memorias... comparte, tras Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, a valoración como o máis salientable entre o que viu a luz nesa década. Un libro que acadou ben pronto, como se ve, un recoñecemento xeneralizado non só entre o lectorado

Fala Neira Vilas

As respostas ao inquérito de Neira revélanse nunha das entregas máis completas. Redactado na Habana e subscrito o 15 de marzo de 1969, incorpora numerosas referencias autobiográficas e literarias, recollendo xuízos diversos de gran valor. Deste xeito sintetiza, por exemplo o seu percorrido profesional desta maneira: «Galicia: labrego, tenedor de libros nun aserradeiro. Bos Aires: obreiro panadeiro, crasificador de teas nun estabrecemento maorista de tecidos, vendedor de madeiras paraguaias, xefe de importación e de finanzas nunha empresa madeireira, libreiro, editor, xornalista. En Cuba: diversos cargos dirixentes no campo da industria (alternando coa práctica xornalística, estudos, etc.)».

Nos datos sobre a influencia que advirte na súa obra apunta a Boccaccio e Robbe Grillet, alén dos clásicos rusos e latinoamericanos entre outros, concluíndo: «Non podo certamente sinalar unha influencia determiñante, agás a de Castelao (sobor de todo na aititude: Sempre en Galiza)» . Oxalá o anhelo de dar a coñecer este material poida converterse en realidade. Vaian, mentres tanto, estas liñas na memoria de quen, hai  só unha semana, nos deixou.