As feridas e as súas cicatrices

Manrique Fernández publica a súa primeira novela: unha proposta nacida ao abeiro da recreación literaria dos sentimentos que recrea unha historia de amor, ou de desamor se cadra, deseñando con solvencia as consecuencias que pode xerar a falta de reciprocidade  


O percorrido de Manrique Fernández no ámbito creativo recala en traballos xornalísticos e biográficos vinculados, fundamentalmente, coa figura de Rogelio Groba, mais hai por volta de un ano o autor deu un paso cara adiante que consistiu en revelarse como prosista e publicar o seu primeiro libro de relatos baixo o título de Crónicas de Embora, unha achega saudada positivamente pola crítica á que agora se suma a súa primeira novela: Tres feridas que se inspira, cando menos estrutural e tematicamente, no célebre poema de Miguel Hernández que comeza cos versos «Llegó con tres heridas: la del amor / la de la muerte, / la de la vida».

Estruturalmente, porque Tres feridas se alicerza en virtude dos devanditos motivos, que se entretecen a través dunha arquitectura tripartita a avanzar con secuencias que viaxan do tempo presente ao pasado e que visitan espazos diversos entre os que sobresaen os de Compostela e Madrid. Deste xeito é como se posibilita que se anoen os fíos só insinuados e que van deténdose, asemade, nos efectos colaterais que as vítimas de conflitos sentimentais poden sufrir como a dor, a culpa, a inestabilidade psíquica, a violencia, a vinganza ou a carraxe entre outras.

A novela, ao meu ver, posúe un incontestable ritmo, articula unha lectura áxil e nela resulta salientable o xogo de perspectivas narrativas onde o epílogo se erixe como un golpe de efecto ao revelar o poderoso xogo que é a ficción. Os protagonistas, individualizados á perfección, simbolizan con acerto cada unha das tres feridas ao tempo que deseñan as cicatrices que Elina, Rafael ou Eduardo han levar sempre no aquén ou no alén..., iso nunca se sabe.

Tres feridas. NOVELA. Manrique Fernández. Belagua. 168 páxinas. 16 euros

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

As feridas e as súas cicatrices