Cos Beatles hai 50 anos

FUGAS

21 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2 de xullo de 1965 pola tarde estaba eu (daquela mozo imberbe) na porta da Praza de Touros de Las Ventas, en Madrid, porque alí ían actuar por primeira vez en España uns tipos cunhas melenas provocadoras e feiticeiras chamados The Beatles. Non había moita xente (non se encheu nin media praza), pero a policía de Franco -os célebres «grises»- estaban por todas partes, vixiando a contorna e despostos a garantir a  orde por riba de todo. Porque para o franquismo todos os que querían escoitar a aqueles «tolos con greñas» eran sospeitosos de ser uns subversivos presentes ou futuros.

Eu tiña dúbidas sobre se sacar a entrada ou non  (era cara) porque, na mañá daquel día, un amigo estivera explicándome que aqueles non eran os auténticos Beatles. Segundo el, os de verdade eran uns americanos que se chamaban The Beetles (Os Escaravellos), e mostroume una revista española que así o acreditaba. «A palabra Beatles nin sequera quere dicir nada», exclamou. De maneira que decidín non entrar. E non me arrepentín diso ata que, aló polas dez da noite, oín soar -mal, por certo- as notas de Twist and shout, que era quizais a canción dos  Beatles que eu mellor recoñecía daquela. Entón pregunteime por que me enganara o meu amigo e por que aquela revista publicara semellante badocada en defensa dos imitadores americanos.

Era certo que a palabra «beatles» aínda non quería dicir nada daquela, pero, ¡ou paradoxo!, só a insignificante sílaba «beat» chegou logo para bautizar a toda unha xeración: A Xeración Beat. E aquel grupo formalmente revolucionario íase converter na resposta «neoburguesa» aos ocasionalmente violentos e proletarizados Teddy Boys. O grupo The Rolling Stones acabou de completar aquel mapa de cambio musical que xa non ía deixar de medrar e evolucionar ata hoxe. De feito, o medio século que pasou desde o meu encontro frustrado na praza de Las Ventas (eu vivía a uns cen metros) non fixo máis que desenvolver aquelas primeiras intuicións musicais e vitais ata extremos insospeitables, nun proceso evolutivo que aínda non rematou. Pasaron 50 anos e parece que foi onte. ¡

Mesmo xa vai facer 35 que mataron a John Lennon e aínda se nos figura incrible! Aquel Lennon desvelador que nos deixou dito que a vida é o que nos vai sucedendo mentres nós estamos moi ocupados facendo outras cousas. ¡Uns xenios!