Orson Welles e Valle-Inclán

FUGAS

12 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o ano 1972 e a noticia deu a volta ao mundo. Orson Welles, o director de Cidadán Kane, ía rodar unha película sobre a obra teatral Divinas Palabras de Valle-Inclán. O Bangor Daily News, de Maine (EE.UU.), informaba en setembro dese ano de que o filme íase titular en inglés Divine Words, de que se rodaría en Madrid e de que o protagonizaría Rita Hayworth, xa exesposa de Welles. 

A noticia difundírase tres meses antes en España e nela especificábase que «a rodaxe terá lugar en Galicia» (ABC). A axencia Pyresa engadira que «é moi probable que o propio Orson Welles interprete un dos personaxes centrais». Daquela, Welles, que xa rodara en España Mister Arkadin e Badaladas a media noite, protagonizaba no Reino Unido A illa do tesouro, dirixida por John Hough e Andrea Bianchi. Noutras informacións dicíase que a financiación estaba asegurada por tres productoras (unha española, outra francesa e unha terceira italiana), e que entre os actores, ademáis de Rita Hayworth, figuraban Terence Stamp, Fernando Rey, Ornella Mutti e Oja Kodar, a nova compañeira sentimental de Orson Welles.

Foi fermoso mentres durou, pero o proxecto non saiu adiante. A obra de Valle-Inclán máis representada no mundo -e dirixida por xenios como Ingmar Bergman, Roger Blin, Víctor García, Marcel Herrand, Rivas Cherif, Tamayo ou  Lavelli-, non atopou aínda a súa verdadeira expresión no cine. A película que dirixiu en 1987 José Luis García Sánchez, cunhas interpretacions frouxas e simplonas de Ana Belén e Imanol Arias, non deu a talla. Era necesario o talento dun Welles ou dun Bergman para sacar da obra a súa cerna esencial. Divinas palabras é un esperpento rural que deforma a realidade para mellor desvelala. Dicía Valle-Inclán que o Pórtico da Gloria compostelán era a «Suma Teolóxica dos analfabetos e peregrinos», e así é. Alí está todo á vista, porque o Mestre Mateo soubo extraelo da crenza popular e amosalo nun conxunto de imaxes intelixible e ilustrativo. Con Divinas Palabras pasa algo similar. Só quen sexa capaz de sacar dela a verdadeira alma universal do pobo que a sostén, poderá acadar o cumio dunha expresión plena dos seus personaxes, isto é, do seu mundo primario, vital, auténtico. ¿Cando sucederá isto no cine? Cando xurda alguén co talento indispensable. Puido ser Orson Welles, sen dúbida?, pero non foi!