Un libro que alenta a vivir

Ramón Nicolás

FUGAS

O seu subtítulo reza acaidamente «Diario dun encontro coa vida». Nel, a escritora Úrsula Heinze fala en primeira persoa diso: da existencia e de como afrontala ou volver afrontala

15 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Úrsula Heinze de Lorenzo realizou un diario ao longo dos dous meses que transcorreron desde que ingresou, voluntariamente, no sanatorio psiquiátrico La Robleda, preto de Santiago de Compostela. O feito de que un texto deste carácter, ata onde chego totalmente singular na nosa tradición, se convirta nun libro, coido que merece, de seu, atención crítica e divulgativa. Nel latexan, alén da plausible decisión persoal que contribúe con afouteza a romper a estigmatización que na nosa sociedade se fai das persoas con problemas psiquiátricos, un monllo de reflexións que van máis alá de rexistrar asepticamente a vida do sanatorio, pois explicitan as razóns da súa reclusión e espellan o proceso de curación experimentado, no que interveñen máis as doses dos afectos que as dos medicamentos.

...e os domingos, un croissant, título que remite ao que resulta operativo para balizar o paso dos días durante o tempo que dura o internamento, funciona como unha proposta literaria allea á ficción, dominada por unha vontade realista que nos achega non só ao día a día daquelas vivencias que a autora protagoniza senón que tamén discorre pola descrición de acontecementos e o deseño de persoas de carne e óso que deseña con lucidez, comprensión e espírito crítico.

O libro atesoura páxinas nas que se reflexiona arredor de asuntos como a propia condición humana, a inestabilidade emocional ou as dificultades da convivencia mais concédelle tamén a relevancia precisa aos conceptos da solidariedade; á conversa, ao riso e á ironía como terapias. Por todo isto velaquí unha valiosa crónica que axuda a abrir os ollos e que non só transmite vivencias persoais: todo o que se escribe resulta de utilidade tanto para desvelar o pano dunha realidade oculta como para lembrarnos o importante que é volver humanizarnos.