Filgueira, un océano do saber

Ramón Nicolás

FUGAS

XOSE CASTRO

Xesús Alonso Montero acomete un traballo monumental como é o de biografar a fecunda e incansable actividade cultural de Filgueira Valverde

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un libro agardado esta biografía de Filgueira Valverde, non teño dúbida, aínda máis cando a designación do pontevedrés para protagonizar o Día das Letras Galegas desatou diversas controversias. Abordar polo miúdo oito décadas de produción bibliográfica e unha presenza continua  na historia cultural e política do século XX en Galicia non resulta tarefa sinxela nin é doado de sistematizar, e aquí faise con brillantez en apenas trescentas páxinas.

Resulta, ao meu ver, incontestable o mérito que este traballo atesoura. De suma utilidade representan tanto as páxinas iniciais dedicadas a compor unha cronoloxía, que revisa tanto aspectos estritamente biográficos coma outros de índole bibliográfica, así como unha escolma de xuízos que se achegan a diversas facetas da personalidade intelectual, política, erudita e docente de Filgueira e que preludian os tres bloques que compendian a análise minuciosa do percorrido intelectual do autor de Quintana viva.  

  Non é, ao meu ver, unha haxiografía este ensaio de Xesús Alonso Montero. Non o é porque, conscientemente, se impón non omitir aqueles capítulos máis polémicos da vida de Filgueira e este obxectivo realízase desde as instancias da investigación e do rescate documental, sen esquecer incorporar a lectura particular que lle suscitan determinados comportamentos políticos no franquismo ou nos tempos da República. 

Se un dos obxectivos do libro persegue, como sospeito, testemuñar que Filgueira representou un modelo único de polifacecia no ámbito do saber e da erudición penso que se consegue con creces: un ensaio que, por estas e outras razóns, este ano resulta inexcusable ler.

Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectural. Xesús Alonso Montero. Xerais. 296 páxinas. 18 euros