Drums Battle

FUGAS

17 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai medio século que se librou quizais a única batalla que eu non querería ter perdido. Sucedeu no Festival de Jazz de Newport (Nova York) en 1964 e foi unha drums battle (batalla de tambores) que enfrontou aos grandes bateristas Jo Jones, Louis Bellson, Roy Haynes, Art Blakey, Buddy Rich e seica tamén Elvin Jones e Max Roach. Unha mágoa perdelo. E quizais con idéntica paixón desexaría estar, dous anos despois, no desafío de Jones, Blakey e Tony Williams no mesmo escenario. Pero tampouco sucedeu. Aínda me tería conformado con asistir á batalla-diálogo de Blakey, Roach e Rich (e coido que tamén Elvin Jones) en Radio City Music Hall en 1974. Pero nada disto foi posible. 

Teño unha fascinación difícil de explicar polos bateristas de jazz. Se cadra é un sentido primitivo da música o que me move. Podería ser esta a razón pola que me atrae Art Blakey, a quen tanto levo admirado e ao que sempre imaxino feliz nunha selva africana ou nun cotroso bar de Manhattan. Non me pasa o mesmo con Max Roach, culto e político, un gran explorador dos ritmos bebop e hard pop. Admíroo, pero non dun xeito tan incondicional como a Blakey. Roach ten a sabedoría, pero fáltalle a paixón.

¿E que dicir de Elvin Jones, finado hai dez anos? A revista Life bautizouno con razón «o mellor baterista rítmico do mundo». O seu estilo, directo, enérxico e poderoso, influiu moito nos que viñeron detrás. Actuou con John Coltrane (inesquecible en A Love Supreme), Charles Mingus, Miles Davis e outros grandes.

A historia da batería é a historia do jazz, porque está na propia orixe desta música. De feito, os bateristas non se separaron do conxunto para ser solistas ata os anos 40-50, cando Jo Jones e outros mestres (Gene Krupa, Baby Dodds, Zutty Singleton) empezaron a quedar sós no escenario cos seus tambores a soar. Naceron daquela os bateristas de jazz que hoxe admiramos; ese son primixenio que eu tanto amo, quizais porque son musicalmente un ignorante. Mais, por se acaso o demo as carga e resulta que teño razón, aconsello escoitar aos citados, e tamén a Chick Webb, a Kenny Clarke e ao polifacético Cozy Cole, que fixo unha longa e lucida versión de Caravan. E tamén aos máis modernos. Porque eu creo, coma Joe Strummer, vocalista de The Clash, que unha banda de música ou un conxunto de jazz serán tan bos coma o sexa o seu baterista.