Lagharteiras: «Un disco non deixa de ser un fillo»

FUGAS

As compoñentes de Lagharteiras concitan no seu primeiro traballo discográfico a súa paixón pola interpretación fiel de pezas tradicionais co traballo de recuperación do vestiario de antano

03 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Marta M. Valladares (Redondela, 1987) é unha das integrantes do grupo de pandeireteiras Lagharteiras, unha formación que vén de sacar un disco homónimo co que reivindican un traballo de sete anos no que participaron compoñentes como Belén Tievo, Tamara Costas, María García, Leticia R. Pais, Uxía Diz, Sara Abalde, Patricia Sobreira e Laura Vila, todas elas cunha ampla traxectoria na música tradicional. O grupo, moi recoñecido no eido folclórico, está asentado en Mos.

-¿Cantas foron o xerme?

-Tres ou catro das que estamos agora, pero o xerme é Carlos Álvarez, o noso director, que é quen comeza o proxecto e unha das persoas que ten feito máis recollidas en Galicia.

-Son puristas.

-Buscamos a similitude co que nos parece característico das pezas e o xeito de tocalas. 

-¿Por que agora o disco?

-O grupo non nace con intención de disco, senón de xuntarnos ao redor de Carlos, escapar das pezas que todo o mundo canta e ir buscar a sitios non tan recorridos. A idea do disco vén despois, porque xa agora nas actuacións non damos tocamos todo o repertorio. 

-¿Como foi a escolla das dez pezas que o compoñen?

-Buscabamos unha mostra do mellor de Lagharteiras.

-¿Cumpríronse as expectativas?

-Quedamos contentas porque non deixa de ser un fillo, é algo teu que fixeches o mellor que puideches. Cometemos erros de inexperiencia, pero o resultado cremos que nos identifica, tanto o deseño  como o que hai dentro del.

-Coidan moito a imaxe.

-A idea de facer unha roupa propia nace desde o principio, porque nun momento dado chegamos a Mondariz, vimos o tear que teñen no castelo de Vilasobroso, Carlos recuperou un montón de fotos e caéusenos un mito, porque non só existían o roxo, o verde ou o negro que nos chegaron así da Sección Feminina, senón que nos descubrimos que cada quen vestía cun montón de cores, moi alegres, a non ser que caera enriba deles o loito. E decidimos que nos fixeran as pezas no tear tradicional a man. Temos pezas antigas e outras son reconstrucións de saias e leras antigas.