O peso das decisións

Ramón Nicolás

FUGAS

María López Sández fai nuclear O faro escuro sobre a consecuencia da toma de decisións nun contexto extremo onde a vida e a morte se dan a man

27 mar 2015 . Actualizado a las 13:31 h.

O faro escuro, de María López Sández, entre outras reflexións, suscítame a do absurdo que pode resultar o exercicio de (pre)xulgar a obra que está por vir de alguén en base ao seu anterior libro, malia que este fose unha proposta galardoada que gozou, ademais, dunha excelente acollida. Penso, claro é, no título A forma das nubes, onde a autora avanzaba con convicción na recreación dunha historia de pouso demorado, de carácter introspectivo, traendo canda si evidentes reberetes eróticos e emocionais. Abeirándose arestora cara a outras tonalidades, nalgún sentido internándose nun xénero distinto con esta obra, é palmario que evidencia a súa versatilidade como narradora.

María López abraza un rexistro menos esixente para o lectorado e, fóra dalgunha predicibilidade,  manéxase con evidente solvencia dentro del ao articular unha historia onde o peso e o desenvolvemento da intriga parte das consecuencias dun accidente aéreo. É aí onde xorde a figura tanto dunha sobrevivente que resulta ser unha rutilante xornalista, cuxo pasado vén marcado polo acoso ao que alguén a sometía, como a presenza da inspectora Neira, que xa coñecía á xornalista cando investigou uns asasinatos en serie ocorridos na Costa da Morte.

Este é o tapiz no que a autora sitúa o argumento con habilidade, ao longo de trinta e unha breves secuencias narrativas, para mergullarnos na relevancia que pode atesourar ese xusto momento no que alguén decide facer algo, nun contexto extremo, e o fai guiándose quer pola arroutada irracional quer pola lóxica. As  consecuencias desa toma de decisións espéllanse aquí, non o dubido, con efectiva plasticidade.

O faro escuro. María López Sández. Novela. Galaxia. 136 páxinas. 13 euros