Para seguir querendo a Cortázar

Ramón Nicolás

FUGAS

AURORA SANCHEZ

En O soño galego de Julio Cortázar Fernández Naval volve transitar polo universo do escritor arxentino desde a perspectiva do que nel houbo, e hai, de Galicia, e do que houbo e hai de Cortázar entre nós

13 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cousa de nove anos Fernández Naval amosounos camiños insospeitados sobre a relación existente entre Galicia e Cortázar, sen esquecer evidenciar as súas relacións que mantivo cos galegos do exilio e da emigración. O  título do libro, fermoso, rezaba Respirar polo idioma: Os galegos e Julio Cortázar (Linteo). Uns meses despois da publicación daquel volume Aurora Bernárdez cedía a Galicia o seu arquivo fotográfico, hoxe custodiado no Centro Galego das Artes da Imaxe.

Este novo libro -novo na súa extensión semántica- incorpora nun só texto a información que se contiña naquel primeiro ensaio e aumenta substancialmente a información ao se beneficiar dun proceso de investigación e acopio de documentación que o autor seguiu acumulando. Apunto tan só, entre outras, tres novidades que aquí incorpora como son fotografías da viaxe realizada a Galicia -extraordinaria a da cuberta na que se ve a Cortázar no Cruceiro da Ramallosa en agosto de 1957-, a exhumación dunha valiosa carta que lle escribe ao pintor Eduardo Jonquières onde transmite as impresións do país que visita ou a entrevista que Ramón Chao lle realizara, para Radio Francia Internacional, en 1977.
Non gozan de menor interese as páxinas finais onde se acolle un rastrexo, volcado en prosa habilidosa, da presenza cortaziana na cultura galega de hoxe en día a través das voces dun apreciable grupo de persoas procedentes da literatura, mais tamén do cine, o teatro ou as artes plásticas, alén dun galano final: textos, con Cortázar como referencia, de Eva Veiga, M. Mato Fondo, Olalla Cociña, Anxos Sumai, Camilo Franco e Antonio G. Teijeiro.  Un libro para seguir querendo a Cortázar.

O soño galego de Julio Cortázar

ENSAIO. Francisco X. Fernández Naval. Linteo. 348 páxinas. 17,50  euros