«A ampliación das urxencias aliviará o caos, pero non será a solución»

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

Asegura que a saturación é fácil de prever e critica a falta de planificación

18 ene 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

A palabra vocación quédase curta cando se trata de definir o que sinte Marián Rodríguez pola medicina. Leva coa bata branca posta no servizo de Pediatría dende que o hospital de Barbanza abriu as súas portas e coñece á perfección os seus puntos fortes e débiles. Por iso preside a comisión de centros e dirixe a plataforma sanitaria da comarca que loita para que a sanidade pública sexa cada día un pouco mellor. Por se fora pouco, tamén é voluntaria en Médicos sen Fronteras e as súas vivencias en países como Kenia ou Afganistán invitan á reflexión.

-Non debe ser doado diagnosticar a nenos que pola súa curta idade non poden explicar que é o que lles doe.

-Tratamos a nenos desde que nacen ata os quince anos e nesta franxa hai casos moi variables. Todo iso tendo en conta que os bebés, para recibir aquí tratamento, deben pesar polo menos dous quilos ou nacer tras 35 semanas de xestación porque no hospital non contamos con UCI de neonatos nin pediátrica. Ademais de consultas externas, prestamos axuda en urxencias.

-¿Que protocolo se pon en marcha cando se detecta algún brote como os de meninxite?

-Os casos de meninxite vírica son bastante frecuentes e xeran inquedanza na sociedade. A nosa obriga é avisar a Saúde Pública para que se poñan en contacto coas escolas e garderías a tomen as medidas preventivas.

-¿Como están vivindo os profesionais do hospital a saturación das urxencias?

-Trátase dunha situación que se repite constantemente e que pode preverse. Hoxe en día pode saberse cando chegará o pico da gripe, polo que esta situación é inadmisible. O pasado domingo non había nin camillas para colocar aos enfermos. O problema non é de entrada de pacientes, é de saída. As camas que hai son insuficientes e nestes días houbo unha media de 15 persoas en espera para ingresar.

-¿Cree que as obras de ampliación porán fin a esta situación?

-A ampliación das urxencias aliviará o caos, pero non será a solución. Tamén hai que actuar no espazo de hospitalización. Se a zona de urxencias é máis extensa os pacientes estarán mellor antes de ingresar, pero en picos como os que temos agora imos ter os mesmos problemas.

-¿Que outras necesidades ten o centro asistencial de Oleiros?

-O laboratorio ten que ampliarse, co bipartito elaborouse un proxecto que non se retomou. Tamén o servizo de raios necesita outra sala.

-¿En que medida se notaron os recortes?

-Sobre todo nas políticas de substitucións. Aínda que agora se reforzou o persoal de enfermería notouse durante o ano a falta de persoal. Ademais, coa plataforma loxística perdemos o noso almacén e estes días xurdiron problemas por esta razón. En Nadal no se fixo a reposición como se debería, en pleno caos.

-¿Aumentaron as reclamacións dos pacientes?

-Penso que a xente debería reclamar máis por escrito e non queixarse só de palabra.

marián rodríguez pediatra e presidenta da comisión de centros do hospital