«A nosa comunidade educativa demanda máis atención e servizos»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

SANDRA ALONSO

Destaca as experiencias que iniciaron os últimos anos, algunhas pioneiras

17 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Ramón Carril, docente do López Ferreiro desde o ano 2003, asumiu este mes a dirección deste colexio público. Colaborou estreitamente con Lois Trigo, o seu antecesor, na responsabilidade do departamento de dinamización lingüística, e foi xefe de estudos os tres últimos cursos,

-Dirixe un centro fundado en 1849 como parte da USC, ¿que resta diso?

-Recibimos documentos onde se lle chama ao centro Escola de Prácticas ou anexa; aínda que temos aprobado o cambio de nome oficial, pois deixamos de ser escola prácticas de Maxisterio da USC hai moito tempo. Até hai 8 anos, cando se reformou o colexio, participábamos de algún servizo común con Enfermaría e Ciencias da Educación, arquitectonicamente estábamos moi condicionados. Agora mesmo, a maior relación é que, por proximidade, veñen facer prácticas estudantes de Ciencias da Educación, e nós utilizamos algunhas veces as súas instalacións. E docentes desa facultade son xurado do noso concurso Falemos da nosa historia.

-¿Ten continuidade o concurso?

-Ten. Este curso convocamos xa a undécima edición, sobre o oitavo centenario de San Francisco de Asís. Tamén estamos a ultimar a edición dos traballos gañadores nas dez primeiras edicións.

-Este curso o centro ten tres aulas de 3 anos, ¿pensan consolidar unha terceira liña?

-Non temos espazo para iso. Esa terceira aula foi aprobada porque había moita demanda de alumnado da nosa zona. Terá continuidade só para este alumnado.

-Tamén estrean o libro dixital, ¿como resulta?

-Si, iniciamos a experiencia, en quinto de primaria. Comezamos con dificultades para o acceso a materiais didácticos, que se foron superando.

-¿Influirá no futuro na aprendizaxe da forma de escribir?

-Consideramos que a escrita manual en papel non se pode esquecer, é importante para aprender tamén mellor a ortografía, e ten outras vantaxes.

-Foron centro pioneiro en adiantar o ensino do inglés, ¿están satisfeitos da experiencia?

-Adiantamos o inglés para alumnado de 3 anos, e música en inglés; quixemos ter tamén música en francés, e non nos autorizaron. Fomos o único centro galego onde viñan facer prácticas estudantes de maxisterio ingleses, até hai tres anos. Sempre se lle deu importancia ás linguas estranxeiras e mesmo elaboramos unha gramática de inglés para galego-falantes.

-¿Como é a comunidade educativa?

-Ten unhas características sociolóxicas moi peculiares. Fixemos un estudo e hai moita presenza de familias de funcionariado, docentes, e autónomos e profesionais liberais, que se implican moito na educación dos fillos e demandan máis atención e prestación de servizos que noutros centros. Iso explica algunha peculiaridade, como ser o único colexio de Santiago con cociña propia, e un comedor ben xestionado pola asociación de nais e pais. A sintonía é moi boa.

-¿Ten novos proxectos?

-De momento, dar continuidade á boa traxectoria dos últimos anos, pois aquí comezamos outras experiencias interesantes, algunhas hoxe xeneralizadas, como o préstamo solidario de libros entre o alumnado, e outras. Por iso se aumentou a 19 aulas e 462 escolares; e xa nos chegan solicitudes para o próximo curso, cando aínda non comezou o prazo; vemos que a xente anda detrás do colexio.

XOSÉ RAMÓN CARRIL NOVO DIRECTOR DO COLEXIO PÚBLICO LÓPEZ FERREIRO

«Comezamos co libro electrónico con dificultades, que se foron superando»