«Sempre tiven moita roupa para arreglar, non só agora coa crise»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

FIRMAS

XAIME RAMALLAL

«Xoloa» é o nome do local no que fai arranxos de todo tipo de prendas

16 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoloa é o nome dun local en Viveiro no que reza o seguinte anuncio: «Arreglos de ropa». Dentro atopamos a Pepi López (Viveiro, 1954), modista que a nivel profesional se moveu dende os 18 anos de idade entre teas, botóns, fíos e a máquina de coser.

-¿Cando abriu este local?

-Dende 2011. Pero, ¡ai!... levo cosendo dende os 18 anos. Como estudar non podía, marchei de aquí. Traballei en talleres e para tendas e agora, xa de máis maior, toca reciclarse. Estiven en Madrid traballando para Hijos de Deogracias Ortega. Era unha fábrica de seis plantas e contratas para o Exército, á vez que se collían traballos de tendas. Estaba situada cerca do rastro, no Madrid dos Austrias. Botei alí 18 anos e subía e baixaba as plantas, un día facías pantalóns, outro abrigos, outro para as tendas... Fun facendo callo, pero despois todo acaba sendo fácil porque ata coñeces diversas máquinas e tes que arreglalas por ti mesma. Tiñas que facer de todo.

-Pero voltou a Galicia, despois de tantos anos.

-Despois vin para A Coruña, onde estiven uns anos facendo roupa a medida pero era moi aburrido porque non había que facer o traxe, había que facer a «cirurxía» antes da persoa. E a veces non dabas co gusto do cliente. Hai que ser honestos e modestos e dicilo. O cliente quere unha cousa. O profesional ten que adaptarse ao cliente e saber o que quere e non sempre o entendemos. Despois, dixen que o que mellor facía eran os arreglos. Gústame moito a costura, así como modificar as prendas, ver como pode cambiar, engadirlle as mangas... Por exemplo, se tes un abrigo de hai 15 anos, igual lle poñemos unhas mangas de cuadros e ao final pode resultar marabilloso. Na Coruña tiña un taller de arranxos dende o 2002.

-Coa crise, ¿percibe que aumentara ese tipo de actividade?

-Agora hai un montón de locais así e xa non é tanta novidade como era cando abrín eu. A verdade é que sempre tiven moita roupa para arreglar, non só agora. O que puido cambiar é que antes ao mellor tiña moito para subir baixos, xa que a xente mercaba 6 ou 7 vaqueros e había días de facer 50 baixos e non facías outra cousa. Agora os arranxos son máis de reciclar. Recíclase máis que antes, se axusta roupa, as camisas dos rapaces, subir mangas... Despois tamén empezou a xente a arranxar abrigos antigos.

-Pois, falando de modas, parece que volta o estilo dos anos 70, os pantalóns rotos... Todo isto axudará a reciclar roupa.

-Antes rompía un vaqueiro e tirábase. Agora zúrcese e o zurcizo ata queda bonito. Pero os tecidos de agora non son como dos anos 70. Os de antes eran boísimos. Un abrigo daquela duraba anos e sempre novo. Hoxe en día tes cadeas que venden cantidade de roupa pero vou ás rebaixas e toco a prenda... e se me enfría a man non a quero. O cotón, os fíos de desperdicio, está feito con eso. E non falemos dos tintes, que os hai malísimos, metes a prenda na prancha e detectas de onde é e onde a fan sen mirar a etiqueta. Creo que son reclamos simplemente para vender máis roupa.

PEPI LÓPEZ ARIAS modista E COSTUREIRA viveirense