«Eu son de humor branco, gústame rir do que ri a xente»

C.C. VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

CEDIDA

O gañador do concurso televisivo «Os aspirantes» presenta no Grove un espectáculo no que realiza 50 imitacións

09 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai apenas un mes, despois de nove semanas de competición, o xurado decidiu nomear gañador do talent show Os aspirantes a Lucho Luchiño, un mozo de Cambre de 25 anos que levaba un par deles levando as súas imitacións polos locais da súa bisbarra. A súa participación televisiva «obrigouno» a deixar o seu traballo de garda de seguridade así que xa non lle queda outra que intentar vivir disto.

-Monologuista, imitador, humorista... ¿como lle gusta que lle chamen?

-A min gústame o de imitador, que é o meu forte. E cómico.

-¿Como é o seu espectáculo?

-É basicamente un espectáculo de imitación, no que hai unha historia na que van aparecendo ata 50 personaxes.

-¿Cales son os máis aclamados?

-Rafa Nadal, do que ademais de imitalo me caracterizo, David Bisbal, Cañita Brava, o presentador de Bricomanía, os narradores deportivos da TVG, os Tonechos, as Cantareiras de Ardebullo... Xa che digo, ata 50.

-¿Quen son os seus principais referentes?

-No que a imitación se refire, Carlos Latre. Despois, gústame tamén moito o humor galego. Roberto Vilar era para min o máximo. Ter tido a oportunidade de compartir estas semanas de concurso con el na TVG foi ver cumprido un sono.

-Outros sonos terá. ¿Cales?

-O primeiro é aproveitar o tirón do programa. E logo, se podo, seguir traballando na televisión. Pero teño moi claro que ei de ir pouco a pouco e que as cousas irán chegando.

-Os humoristas viven días de loito. ¿Como lle afectou a vostede o ocorrido en Francia? ¿Un cómico pode ou debe falar de todo?

-O de Francia foi moi duro, claro. Pero os cómicos debemos sobrepoñernos e saír ao escenario para facer rir á xente, que é o que se agarda de nós. Está claro que hai algún temas nos que ha que andar con pés de chumbo. Eu son máis de humor branco. Gústame rirme do que lle fai graza a todo o mundo.

LUCHO LUCHIÑO CÓMICO E IMITADOR