«Ao BNG quen o matou foi a coherencia coas imputacións»

Miguel Ascón Belver
MIGUEL ASCÓN OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

Santi M. Amil

Incluso da visita dos Reis ao colexio que dirixe saca conclusións positivas

08 ene 2015 . Actualizado a las 13:20 h.

Non esconde que tanto a súa profesión, o ensino, como a súa aposta política, o BNG, non están a pasar polo seu mellor momento. Pero Antón Gómez Rodríguez é todo optimismo. Sempre pensa que hai saída aos problemas e o escenario da conversa, o Xardín do Posío, demostra que ás veces é así. Cando no ano 1998 o goberno municipal quixo facer desaparecer unha parte deste espazo, el colocouse ao fronte das protestas veciñais que finalmente impediron aquela «desfeita», como el mesmo a define.

O verme da política entroulle cedo a Antón Gómez, que comezou a militar no Partido Comunista, aínda que acabou deixándoo polas «concesións» que, ao seu xuízo, se fixeron na Transición. Atopou o seu acubillo definitivo no BNG, ao que se afiliou pouco antes de entrar tamén na UPG (a corrente maioritaria e agora case única da fronte). Na súa actividade política destaca a súa etapa como concelleiro xunto a Xosé Carballido, Iago Tabarés, Ana Garza ou María G. Albert. «Eramos a segunda foza e tiñamos un equipo que eu dubido que se volva repetir pola súa calidade técnica e humana e a súa capacidade de traballo», recorda Gómez.

El segue no Bloque e, preguntado polo feito de que moitos dos seus compañeiros daquela estean agora noutras organizacións políticas, cree que é algo temporal. «Isto xa pasou con Camilo Nogueira, que chegou a ter máis deputados que o BNG, pero a medio prazo xa estabamos xuntos outra vez», comenta o exconcelleiro, que lamenta o papel de Xosé Manuel Beiras porque, «aínda que hai unha esquerda que sempre se esqueceu do parámetro nación, nunca tivo apoio electoral e un movemento errado dunha organización que antes era nacionalista volveulles dar cancha aí». Sexa como sexa, Gómez cree que la moda pasará: «Terá o recorrido que teña Beiras. Vital, refírome. É un voto a un cartel».

Respecto á evolución á baixa do BNG en Ourense nas últimas citas electorais, cree que «os poderes fácticos non soportaron que entraramos no goberno» e de aí as imputacións xudiciais. «Ao Bloque quen o matou foi a súa coherencia», di respecto ás dimisións que se teñen producido ao seren imputados os concelleiros nacionalistas. «A xente pídeo agora, pero o BNG leva toda a vida facéndoo».

Salta á vista que a política é unha das maiores paixóns de Antón pero o ensino gaña. «Sempre fun un mestre que circunstancialmente se dedicou a outras cousas», conta o exconcelleiro, que actualmente é director no CEIP Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar. Compaxinar a súa militancia co seu traballo ás veces non é doado xa que o BNG é moi crítico coa xestión da Xunta no ámbito educativo. «Vaise levando, tratando de facer todo o posible dentro da legalidade», explica Gómez. Un dos exemplos desa actitude foi o seu discurso con motivo da visita dos Reis ao seu colexio para inaugurar o curso escolar 2014-2015. «Non entendía e sigo sen entender por que elixiron este centro. Unha vez asumido, decidín aproveitar ese altofalante para reivindicar o ensino público, no rural e en galego».