«A desaparición do Códice podería ter sido drama ou comedia»

b. pallas REDACCIÓN / LA VOZ

FIRMAS

De Lira interpreta ao electricista e autor material do roubo do Códice Calixtino

22 dic 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

TVG estrea mañá a miniserie Códice, que recrea os feitos que rodearon ao roubo do Códice Calixtino. O autor material da desaparición na ficción é o actor Miguel de Lira, que encarna ao electricista Manuel Castiñeiras.

-A historia do roubo do Códice Calixtino da para un bo «thriller».

-A historia está pensada para o consumo interno en Galicia, que non está mal, pero sería merecedora de ter repercusión nacional e internacional, como tivo a noticia.

-¿Como se meteu no papel do electricista, que resultou ser un ladrón moi atípico?

-Non sei moito del máis alá duns rasgos físicos e do que sabemos todos. Fáiseme estraño interpretalo, porque eu sempre represento personaxes que non existen, ben inventados por guionistas ou que xa morreron. Pero este está vivo e moi próximo. Incluso intentei coñecelo para explicarlle o que supón para un actor meterse nun personaxe, pero non foi posible. Así que traballei a partir dunha foto que todos temos na cabeza e fun guiado polo guión e polo director, que tiña claro que quería facer un thriller escuro. Pero esta mesma historia e o personaxe poderían ter sido un drama ou unha comedia.

-¿Como definiría ao personaxe?

-Do personaxe real teño as miñas intuicións, pero non a certeza. Parece bastante opaco e blindado no hermetismo. Servíronme moito as quince páxinas manuscritas que entregou ao xuíz co seu punto de vista e nas que di que isto é só a punta do iceberg do que podería chegar a contar. Moitas cousas indican que foi unha vinganza contra o deán, pero a verdade só a sabe el.

-¿Ao público que xa coñece o caso pola prensa que lle pode aportar ver a serie?

-É como recuperar un conto que xa fai tempo que non escoitas. As boas historias funcionan sempre. Hai moitas claves que a xente vai repescar desta narración apaixoante e vaille resultar interesante repasar a historia en imaxes.