«Os nenos estaban realmente traumatizados en Palestina»

A Casa da Xuventude acolleu a presentación de «7 lágrimas, mil sonrisas» , documental sobre o Festiclown Palestina


Santiago / La Voz

7 lágrimas, mil sonrisas é o título do documental que idearon Iván Prado e Ernest Pancho para recoller a segunda edición do Festiclown Palestina, que se celebrou do 1 ao 9 de outubro en cidades como Xerusalén, Belén, Ramallah ou Nablus. Iván ten claro que mentres poida, os pallasos seguirán indo a este pobo «ata que sexa libre».

-¿Houbo moitas diferenzas entre o primeiro e o segundo Festiclown en Palestina, xusto despois dos ataques do verán?

-Unha diferenza é que na primeira edición decidín levar o Festiclown que eu creei a Palestina, para fortalecer estas pequenas explosións de circo e clown que había, mentres que nesta ocasión fomos porque directamente nolo pediron. Deramos moita formación e xa había pallasos que estaban atendendo á poboación infantil de Gaza hospitalizada en Cisxordania, e non daban abasto. A segunda diferenza é que os nenos estaban moitísimo máis temerosos que na primeira edición. Estaban realmente traumatizados porque fomos en outubro, e os bombardeos chegaron a setembro. Fai poucas semanas que pararan, e toda a poboación infantil estaba en shock.

-¿É doado moverse por alí?

-Non podo dicir que sexa doado porque fun preso no 2010 e expulsáronme do país. Convertéronme nun dos pallasos máis famosos do mundo porque saín en toda a prensa mundial. Saíulles mal a operación (rise). Pero é viable, estivemos incluso no 2003 coa segunda intifada e entramos en Gaza, naquel momento estivemos varias veces en fogo cruzado.

-¿Por que sete lágrimas?

-O documental son nove cápsulas e en sete delas hai unha bágoa. Noutras dúas no está ese lugar de tristeza. E mil sorrisos porque realmente foi un tsunami de risas de todas as crianzas. Son cápsulas diarias, como unha bitácora.

-¿Hai perspectiva doutra viaxe?

-En principio seguiremos indo ata que sexa libre, e gustaríanos ir a toda Palestina, o que significa entrar en Gaza. Non temos unha periodicidade concreta, somos un colectivo que vive de Culturactiva, dos Pallasos e do Festiclown, e cando esas tres entidades consigan diñeiro volveremos.

-Alí precisan paz, educación, ¿e tamén risas?

-Totalmente, a risa é o alimento da esperanza, un país sen esperanza non ten futuro, e mesmo ocupado por unha das potencias mundiais más importantes e xenocidas da historia. Se ves que levas 70 anos esmagado, non tes futuro e estás so ante este xenocidio, dificilmente te vas levantar querendo facer outra cousa que non sexa poñer unha bomba.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Os nenos estaban realmente traumatizados en Palestina»