«Na miña mocidade non existía a cidade a partir das nove da noite»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

SANDRA ALONSO

Cando era novo chegou á conclusión de que, «quería ter unha librería»

15 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús Couceiro é de monte, «autenticamente de monte», e ademais ten un. Fillo de labradores, di que non estudou nada. Algo fixo, ata os 15 ou 16 anos, pero despois empeñouse en traballar porque quería saír da aldea. Presentouse en A Coruña, onde xa estaba algún dos seus irmáns maiores e tíos, «así que non tiven problemas de integración». Traballaba nunha empresa de electrodomésticos, polo que aínda que non vivía en Santiago, si viña moito pola cidade por cuestións de traballo. E xa recalaba nunha pensión na praza do Matadoiro, hoxe Giráldez, pero nas mans da mesma familia. Aínda é agora que non pasa moito tempo sen ir tomar un café cos propietarios.

Antes de chegar definitivamente a Compostela, aos 23 anos, Couceiro emigrou. Emigrou exactamente dez días, que foron os que lle levou chegar a Suíza, estar alí dez horas e volver. «Pasoume igual que cando os magrebís chegan aquí e os prenden e repatrían. Fomos moitos repatriados, porque só admitían aos que levaban contrato de traballo ou quixeran traballar no campo», di. O certo é que quería escapar do servizo militar, pero non o logrou. Ao final fíxoo no parque da artillería. Estivo 14 meses, «e foron como son as cousas cando non che queda outra alternativa». O mellor que lle ocorreu é que despois ascendérono na empresa a xerente da sucursal de Santiago. Chegou definitivamente a Compostela e dedicouse a traballar, moito, e a vivir. «A vida era tan inmensamente marabillosa que poucos a podían gozar tan plenamente en aqueles tempos».

Porque nos anos 60 e primeiros dos 70 para Couceiro Santiago era unha cidade tétrica. «Daquela todo era unha miseria, un mestre cobraba dúas mil pesetas ao mes e traballaba moitísimas horas». El facía sábados e domingos sen descanso, pero polo menos tiña un bo salario. Era unha Compostela moi clerical, «na que a partir das nove da noite non existía a cidade». Había moitísimos seminaristas, e non semella Xesús moi amigo de curas, «saían en manada de dous ou tres mil para ir a San Lázaro ou cara a ponte da Rocha a pasear», lembra.

Botou moza por aquelas, e aínda que o traballo estaba ben remunerado, porque eran uns anos nos que se vendían moitos televisores e máquinas de coser, decidiu que ía marchar da empresa. «Elixir o traballo ás veces ten moito custe, pero ten moito máis beneficio e satisfacción que custe». Era unha venta agresiva, e non todo o que mercaba podía pagar ao final, así que había que ir recoller os electrodomésticos. «Ver quedar rapaces chorando porque lles levaban o televisor, ou rapazas chorando porque lles levaban a máquina de coser considerei que non debería ser o meu traballo», explica.

Empezou Xesús a pensar que lle gustaría facer, «e cheguei á conclusión de que me gustaría ter unha librería, así que marchei por España adiante vendo ese mundo». No 1969 a primeira librería Couceiro abriu na rúa de San Pedro, e no 1974 na República do Salvador, onde xa comezou a especializarse en libro galego e converteuse nunha das máis emblemáticas de Galicia. E como todo comezou na zona vella alá polos sesenta, «e xa sabes que a cabra tira ao monte», desde o 2007 Couceiro ocupa cinco plantas dun senlleiro edificio da praza de Cervantes mantendo o espírito de todas estas décadas.

Xesús Couceiro Rivas

Aspirante a libreiro