Prendido ao galeguismo

La Voz

FIRMAS

15 dic 2014 . Actualizado a las 10:50 h.

Naceu «a mediados dos 50» na praza do Concello do Irixo, «patio de xogos da miña nenez, até os 10 anos». Seu pai foi alcalde por aqueles anos e, con poucos recursos «ergueu a meirande parte das casas-escola daquel concello de oito mil habitantes». Elixio Villaverde ten unha ampla traxectoria investigadora e escrita na que seguro tivo que ver un dato sorprendente: «Aprendín a ler e escribir con 4 anos». Sacou adiante o Bacharelato elemental con boas notas. Medrou como un mozo daqueles tempos: lendo tebeos do Capitán Trueno e do Jabato, xogando aos indios e vaqueiros, indo ao cine o domingo, e de cando en vez, ao fútbol, para ver o mítico Ourense de Segunda.

Conecta co galeguismo en PREU, escoitando a Otero Pedrayo e ao Xocas «o que, nos oitenta, levei a dar conferencias á Coruña e ao Barco». «Aqueles homes cultos, dignos e vibrantes expresábanse na lingua que falaba tan ben miña nai. Era, dignificada, a lingua dos labregos e emigrantes da miña contorna». Xa na Universidade, asiste a conferencias «cañeiras» de Beiras, Ferrín, Camilo Nogueira, Paco Rodríguez?

Elixio Villaverde ten publicados seis libros: A terra de Orcellón e O Irixo (1985), Ramón Martínez López, pola Universalidade de Galicia (1992), Heroes e Mártires. A IIª República e a Guerra Civil no Barbanza (1995), A emigración galega a México (1878-1936) -Tese de Doutoramente, 1998-, Pioneiros na Corrente do Golfo. A primeira emigración galega a México (1837-1936) -primeira edición no 2001, segunda edición no 2008- e Galegos en México (1878-1936) Inmigración e sociedade no alén mar (2004), polo que obtivo o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no ano 2003.

Na súa traxectoria figuran publicacións en prensa, conferencias, relatorios, comunicacións e presentacións de libros, exposicións e achegas a outras obras, en limiares, libros e revistas, entre elas, A Caramecha, voceiro de Xoves Culturais do Barbanza, do que foi coordinador e promotor, onde se publicou A flor da boca, de Rei Ballesteros, que anos despois anunciouse como inédito cando o autor o fixera para A Caramecha, da que se tiraron mil exemplares.