O equipo da biblioteca do Cruz do Sar conseguiu motivar a todo o colexio
07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Hai proxectos que fan máis pola cultura dun pobo que unha lexislatura enteira do goberno que sexa. É o que veñen de amosar Ana María García Paz e Dolores Barreiro Fernández, -xunto con toda a comunidade educativa do CPI Cruz do Sar de Bergondo-, co proxecto Bergondo nun conto, que acaba de ser premiado pola Consellería de Educación. Dende o equipo da biblioteca acabaron implicando a todo o colexio e a todo o municipio.
-¿Como xurdiu a idea?
-Aquí sempre se fixeron campañas de fomento da lectura, centradas nun tema concreto cada ano. Por exemplo, antes había moitos nenos fillos de emigrantes e decidimos centrarnos en América. Outro curso vimos que había alumnos da zona de Romanía que foran adoptados e tiramos por aí. Logo empezaron as adopcións de Etiopía, e falamos de África. Así funciona.
-¿Por que esta vez decidiron fixarse no propio Bergondo?
-Unha profesora dixo: «Buf! Moita África e eu creo que os nosos alumnos aínda non coñecen ben Bergondo!». Tiña razón.
-E póñense mans á obra.
-¡Revolucionamos a vila enteira! A idea era facer un abecedario de Bergondo, contado coma se fose un pequeno conto. Así que empezamos a buscar información da vila e vimos que, na nosa biblioteca, tiñamos moi pouquiña cousa. Puxémonos en contacto coa alcaldesa de Bergondo e coa biblioteca municipal, que logo resultaron ser piares fundamentais de todo o proxecto. Na biblioteca aportáronnos todo tipo de libros relacionados co Concello. Despois, o director do colexio, que é de aquí de Bergondo, propuxo que todos os profesores fixéramos un percorrido en bus.
-E marcharon de excursión para coñecer a vila.
-Fomos percorrendo as parroquias, os edificios singulares, os pazos, as praias, os albergues, o mosteiro... Os docentes que eran da zona ían aportando o que podían: «¡Velaí a casa de Miguelanxo Prado!», «¡Á dereita, o polígono industrial!» Os mestres, sobre todo os que non somos de aquí, íamos tomando nota de todo.
-O mérito foi implicar aos profesores, ademais de aos alumnos.
-Non é tan fácil enganchar a toda unha comunidade educativa co mesmo proxecto. Tamén colaboramos coas escolas infantís.
-Todo centrado en Bergondo.
-Cada unha das actividades da biblioteca tiña que estar relacionada con iso. Centramos o día da poesía nos autores do concello, invitámolos a vir aquí; os de secundaria lían poemas deles aos pequenos; os de primaria debuxaban eses poemas, e todo así.
-Fan un abecedario de Bergondo.
-Cada clase traballa sobre unha letra determinada: a «A» de «A Senra», etcétera... E segundo a materia, diferentes contidos: os cultivos típicos de Bergondo, as festas parroquiais, as industrias, os xoieiros... Fixemos uns itinerarios e tiñan que ir visitalos.
-E fixeron un caderno.
-Si, e un par de compañeiros nosos dedicáronse a ir por todo Bergondo facendo fotos para iso.
Ana María García e dolores barreiro profesoras do c.p.i. Cruz do Sar de Bergondo