Pornografía e cultura

Francisco Ant. Vidal< / span> LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

16 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta xente da farándula évos máis lista ca un aio (non un allo da sopa ou da allada, senón un aio, un deses que se dedican a educar e adestrar a príncipes e outros elementos da nobreza, que así saíron tan espelidos como saíron).

A noticia tróuxonola, coma sempre, o amigo Xulio, recuperada do periódico en que o castañeiro da rúa Real lle envolveu dous euros de castañas. Ía o home coas manciñas quentes, depenicando nelas cando lle salta ós ollos unha palabra impresa no cucurucho: Pornografía. E non sei o que terá tal palabra que sempre resalta máis ca calquera outra e atrae a curiosidade de pecadentos, reprimidos e beatos. Tanto así, que con calquera que el atopaba pola rúa o saúdo non era o de «boas tardes» e «como estás», senón «proba unhas castañas que están quentiñas», coa única intención de baleirar o envoltorio o antes posible e buscar axiña un lugar onde ler sen levantar sospeitas. Porque a xente non sospeita de que leas, senón do que leas.

E aí está Xulio, nun curruncho do Mesón Pataca, que queda nunha rúa estreita e arredada da riada de xente que ás oito da tarde invade o centro da cidade, acurrunchado nun lugar do fondo onde por fin abre o cucurucho e le a noticia: «Unha compañía de teatro converte as súas entradas en revistas porno para pagar menos de IVE».

Que veña o ministro de cultura e mo explique.

Pois é moi doado. Resulta que as revistas porno, segundo a noticia da prensa, teñen un IVE reducido do 4%, mentres que as entradas de teatro cotizan ó 21%. En fin, que non o creo. ¿Non será que aquilo está en crise e isto nas nubes?. Podo crer e creo que temos o ministro de cultura máis zoquete da historia, pero non que chegue a estes extremos un home tan próximo á Santa Recortación, polo que mentres Xulio mo conta eu abaneo a cabeza.

Dáme máis datos, e resulta que a compañía de teatro, chamada Primas de Riesgo, acabou levando unha notificación ó departamento correspondente de non sei que ministerio co fin de cambiar nos seus estatutos a finalidade social, para facer máis accesible o acceso do público a obras de autores como Calderón de la Barca, aquel cura que se queixaba do sabio tan pobre e mísero que só se sustentaba das herbas que recollía.

A iniciativa pretende que as entradas ó teatro se paguen baixo a forma de revistas porno, así, cada espectador que merque unha das revistas que a compañía poña en venta, poderá entrar ó espectáculo con só amosarlla ó acomodador, e para facilitar o acceso, estas tanto se venden no despacho de entradas da sala como por medio da páxina web; e non estamos falando dunha compañía de afeccionados, senón dun grupo que vai poñer en escena El mágico prodigioso, de Calderón, adaptado por Ernesto Caballero, director do Centro Dramático Nacional e dirixido pola actriz e productora teatral Karina Garantivá; e como dato curioso, pero sen que se faga cabalas mentais o público masculino, a obra está representada unicamente por mulleres.

¿Quen dixo que morreu o esperpento?.

Mais o importante, o que nos importa desta noticia perdida nun cucurucho de castañas, é que o noso ministro de sen educación nin cultura ten claras preferencias á hora de premiar ou castigar as distintas formas de ocio.

Agora dicídeme se non é certo o dito, que esta xente da farándula é máis lista co aio que ensinou, educou, examinou e aconsellou ó príncipe de Maquiavelo e as infantas do reino.