O sexto Congreso Galego de Cruceiros terá lugar no pazo de Tor durante a fin de semana

monforte / la voz

FIRMAS

13 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O museo monfortino do pazo de Tor acollerá durante a fin de semana a sexta edición do Congreso Galego de Cruceiros, no que participarán especialistas de Galicia, Castela e León e Portugal. O encontro está organizado pola Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas e conta co patrocinio da rede museística provincial e da área de Cultura da Deputación. O programa de actos foi presentado onte en Lugo por Fernando Arribas, presidente da referida asociación, xunto coa xerente da rede museística, Encarna Lago, e o responsable de Cultura do organismo provincial, Mario Outeiro.

Durante o congreso presentaranse en total dezanove relatorios, cinco dos cales tratarán de forma específica sobre os cruceiros tradicionais da provincia de Lugo. Neste apartado participarán os investigadores Manuel Muñiz, Mario Saavedra, José Manuel Blanco Prado e Xabier Louzao, que disertarán respectivamente sobre as cruces de pedra conservadas nos municipios de Castroverde, Ferreira do Valadouro, Vilalba e Monterroso. Fernando Arribas, pola súa parte, dedicará a súa exposición aos cruceiros de Sober.

Entre os participantes figura ademais o portugués Jorge Feio, quen falará acerca dos cruceiros dos municipios de Alvito e Cuba, situados na rexión do Alentejo. Outro dos especialistas, Juan José Burgoa, disertará sobre a presenza dos cruceiros na poesía galega, mentres que o conferenciante Lois Ladra centrará a súa intervención nas cruces de pedra de Escocia.

Horarios das xornadas

O congreso abrirase ás 10.30 horas do sábado coa recepción e entrega de documentación. Ás once comezará o acto de inauguración e media hora despois iniciarase a primeira serie de relatorios, que seguirá ata as 14 horas. Pola tarde, as conferencias principiarán ás cinco e terminarán en torno ás nove. A segunda xornada será só matutina e os relatorios presentaranse entre ás nove e media e as dúas, momento en que se celebrará o acto oficial de clausura.

Esta á segunda vez que o congreso se celebra na provincia lucense. A cuarta edición do simposio tivo lugar no 2012 nas instalacións do museo provincial. O presidente do colectivo organizador destacou a singularidade de un encontro dedicado a analizar esta parcela do patrimonio histórico e sinalou a este respecto a que a Asociación de Amigos dos Cruceiros «é a única do seu xénero existente no Estado español».