O tenor italiano Marco Beasley actuará en Pombeiro no ciclo Espazos Sonoros

monforte / la voz

FIRMAS

07 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A iglesia románica de San Vicente de Pombeiro acollerá o sábado -a partir das sete da tarde- un concerto do tenor e musicólogo italiano Marco Beasley que está encadrado no festival Espazos Sonoros, promovido pola Consellería de Cultura. Natural de Nápoles, Beasley goza de un amplo prestixio internacional e é especialmente coñecido por revivir o estilo denominado recitar cantando, propio da música italiana da época barroca, así como as antigas cancións populares napolitanas do xénero coñecido como frottole. O tenor actuará acompañado por Fabio Accurso e Stefano Rocco, intérpretes de laúde. O concerto xirará basicamente en torno á música renacentista italiana e ofrecerase baixo o título de As estradas do corazón.

Antes da actuación musical, ás catro e media da tarde, ofrecerase un percorrido guiado pola igrexa de Pombeiro, dentro dun ciclo de visitas culturais denominado «Coñece o teu patrimonio», que serve de complemento ao festival musical.

Obradoiro musical en Tor

Por outro lado, dentro do mesmo festival, o día 18 organizarase no pazo monfortino de Tor un obradoiro de achegamento á música que estará centrado nos instrumentos de tecla. A actividade comezará ás cinco e media da tarde e consistirá en ofrecer mostras de interpretación de fortepiano, piano organizado, clavicordio, espineta e organetto. Previamente, ás catro e media da tarde, haberá unha visita guiada ao pazo museo.

O festival Espazos Sonoros, que chega este ano á súa sétima edición, ten como común denomindor o feito de desenvolverse en edificios de especial significación histórica, artística ou cultural repartidos por toda a comunidade. A edición actual deste ciclo comprendeu tamén un concerto do cuarteto de saxofóns Skirion que se ofreceu o pasado día 28 no mosteiro ourensán de San Pedro de Rocas.

As igrexas monfortinas de San Vicente do Pino e A Régoa tamén serviron como escenarios de concertos en edicións anteriores deste ciclo.