Un recoñecemento en beneficio de todos os ourensáns


Olegado do arquitecto Daniel Vázquez-Gulías está impreso, en pedra e ferro, en cada rúa, praza, parque ou pequeno rincón do Ourense histórico. A prolífica obra arquitectónica do gran mestre do modernismo ourensán -obra que bebeu extensamente das tendencias culturais da súa época en Europa e Estados Unidos, froito da súa inquietude e adicación persoal, así como das numerosas viaxes que realizou ás grandes urbes do extranxeiro- sempre estivo impregnada pola súa particular visión da arquitectura, unha perfecta mistura, case intuitiva, entre o local e o universal.

A praza de Santa Eufemia, Avenida de Pontevedra, Paseo, Progreso, San Lázaro ou a Alameda do Concello, foron solares baldeiros que Vázquez-Gulías encheu de fermosos edificios, plasmando os seus deseños na eterna pedra, co simple e grandioso obxectivo de mudar a vella vila medieval nunha cidade moderna e con proxección cara o futuro. Nembargantes, a súa obra arquitectónica non chegou intacta ata os nosos días. A vaga especulativa, que asolou as vilas galegas dende os anos 60 ata finais do século XX, fixo estragos na obra do arquitecto; o Gran Hotel Roma, o Círculo Católico de Obreiros, a Casa do Pobo ou o Garaxe Hispano-Americano entre outros, perdéronse para sempre. Nuns casos, reformas agresivas e feístas que desvirtuaron completamente o edificio orixinal; noutros, chegouse ao estado de ruinoso abandono dos edificios pola falla de mantemento e a inexistencia dunha protección legal axeitada.

Ata o día de hoxe, a súa magnífica obra e o seu talento son recoñecidos con máis intensidade fóra de Ourense que entre os propios ourensáns. A palabra que mellor podería definir esta situación é «descoñecemento» xeneralizado por parte da cidadanía.

O Museo Virtual Daniel Vázquez-Gulías ten como obxectivo básico divulgar e dar a coñecer a vida e obra do arquitecto a través da rede social Facebook, mediante a publicación dos planos e bocetos orixinais de proxectos, fotografías actuais e antigas, e reconstruccións infográficas en 3D para que o coñecemento que se atopa almacenado en museos e arquivos chegue á maior cantidade de xente posible, pero incidindo sobre todo na xente nova, sendo que no futuro terán nas súas máns, directa ou indirectamente, a chave da conservación e transmisión do patrimonio legado por Vázquez-Gulías.

Outro dos obxectivos do museo virtual é o de servir de plataforma de comunicación entre particulares, asociacións culturais, fundacións, movimentos cívicos e organismos públicos, preocupados pola defensa activa e a conservación e mellora deste patrimonio arquitectónico, denunciando calquera acción, intervención ou reforma que desvirtúe ou poña en perigo o conxunto histórico, e poñendo en coñecemento dos organismos competentes as anomalías de conservación que ameazan ruína nalgúns inmobles obra do arquitecto e que teñen risco de derrubamento.

Asimesmo, o museo é só un primeiro paso para a implantación definitiva na nosa cidade dun Centro de Interpretación da obra de Vázquez-Gulías, nun espazo físico axeitado e enfocado á divulgación, exposición e investigación co fin de ser a salvagarda permanente da súa obra e o seu legado. Non se pode demorar por máis tempo este necesario espazo cultural. É unha situación anómala dentro do tecido cultural ourensán e, sen dúbida, a súa implantación suporía elevar notablemente os recursos culturais e turísticos da cidade co fin de seguir dando valor ao noso. Facemos así un chamamento formal ás autoridades competentes, Concello, Deputación, Xunta e Ministerio de Cultura, para darlle forma a esta grande e noble tarefa, para beneficio de tódolos ourensáns e aqueles que nos visiten.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Un recoñecemento en beneficio de todos os ourensáns