«Canta máis sombra, máis luz»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

FIRMAS

M. MORALEJO

O pintor ourensán Antón Pulido inaugura hoxe en Vigo unha exposición antolóxica

25 sep 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

O Centro Cultural de Afundación en Vigo acolle dende hoxe unha exposición antolóxica de Antón Pulido (Bóveda de Amoeiro, 1944), realizada en colaboración coa Consellería de Cultura.

-¿Que ve cando mira cara atrás?

-É como aqueles que viron a morte e din que lles pasou a vida como se fora unha película. Con esta exposición ocórreme unha cousa parecida. En moitos casos xa nin me acordaba dalgúns cadros nin das súas circunstancias. Un cadro ten moita carga persoal, así que esta exposición é unha retrospectiva, máis que da miña pintura, da miña vida.

-¿Aprecia a evolución da súa pintura?

-Somos fillos do noso tempo e temos a sorte de empezar onde remataron os de atrás. Na miña traxectoria teño dende impresionismo, cadros fauvistas, simbolistas, expresionismo e a abstracción, que estou dende hai tempo expoñendo por Asia. Todo é un camiñar e eu non renego de ningún dos meus cadros. Os cadros pintados cando eu non fixera aínda Belas Artes vexo que están fantasticamente pintados, eu non sabería pintar mellor hoxe.

-¿Como se fai unha escolma dunha vida?

-Eu non quixen facela porque seríame imposible; deixaríame levar pola emoción e non iría ao cerne. Foi Paloma Vela, e teño que recoñecer que fixo unha selección extraordinaria.

-A figura tivo moita importancia na súa obra. ¿Onde a agocha agora nesta nova etapa?

-A min gústame moito falar do oculto e, sobre todo, das cores ocultas, que son as diversas combinacións. É coma un piano, están as notas e os acordes que sempre saen da combinación. Na pintura, ese acorde moitas veces está oculto, pero dá sensacións diferentes segundo combines as cores. E as formas tamén están latentes, uns as ven e outros, non. Hai xente que descubre cousas que eu non sabía que existían, son as formas e as cores ocultas.

-¿Ten recorrido a liña actual?

-É un comezar. Cando un empeza algo nunca sabe como vai rematar. Agora estou a preparar unha exposición para Nova York e estou avanzando nesta forma de pintar, vendo como combinar as masas coas cores e as diversas vibracións das pinceladas. Conxugando moito as sombras, os negros, que para min son fundamentais. Ninguén se acorda da sombra e sen ela non hai luz; sabíao moi ben Soroya, canta máis sombra, máis luz. ¿Queres darlle luz a un cadro?, mételle sombra. Pero a pobre sombra nunca é protagonista.

-¿Síntese querido en Galicia?

-Si, síntome moi querido. Hai que ser tamén realista, os artistas teñen os seus seguidores. Dicíalle Solana a Luis Trabazo: «Querido Luis, me son suficientes siete amigos a los que les guste mi pintura para seguir pintando» Pois, eu teño máis de sete amigos aos que lles gusta a miña pintura. A arte é obxectiva pero tamén é subxectiva.

-¿Como ve o momento actual na arte en Galicia?

-Hai grandes artistas en Galicia pero o problema é poder vivir da arte... porque antes había, non moitos pero si algúns, coleccionistas. En todo o mundo a cultura viuse minorada e ten menos cartos para subsistir.

Antón Pulido artista plástico