A editorial máis enxebre de Barbanza

Borja Oujo / M.?G. RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

monica ferreiros

Os zombis compoñen gran parte do catálogo da empresa de Alicia Romero

05 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O mundo editorial é un sector complicado. O actual panorama de converxencia entre o papel e os libros electrónicos crea a dúbida sobre cal será o futuro deste campo. A pesar desta atmosfera de cambio, Alicia Romero decidiu, hai dous anos, aventurarse por estes sendeiros. Aínda que se licenciou en Psicoloxía, a súa participación nun curso de escritura creativa deulle un impulso para dedicarse ao que de verdade lle apaixonaba, os libros. Desta forma naceu Enxebrebooks.

Esta ribeirense de 31 anos é unha ávida lectora de literatura, con vocación de escritora. O azar levouna a este mundo que tanto lle gustaba, pero por un camiño que non esperaba. Esta editorial ten algo especial. A pesar de que sacaron á luz obras de diversas temáticas, hai unha na que teñen o seu foco fixado especialmente. As novelas que narran historias de fantasía e ciencia ficción, e máis concretamente de mortos viventes, son o principal produto que ofrece esta compañía. Alicia Romero contaba que «antes de montar a editorial houbo unha explosión de libros de zombis, eu comecei a lelos e gustoume. Este bum chegou con obras como The walking dead ou Guerra mundial Z».

A emprendedora barbancesa explica: «No noso catálogo tamén hai outra clase de libros, como algunha novela romántica, de humor, de misterio ou mesmo relatos para nenos». Actualmente contan con máis de dúas decenas de obras publicadas.

Alicia Romero tamén destaca polo seu gusto pola lectura en dispositivos electrónicos: «Case todos os nosos proxectos saen á luz tanto en formato dixital coma en papel». Ao principio a editorial publicou dez libros. O primeiro de todos foi unha obra de Santiago Sánchez Pérez, coñecido neste ámbito baixo o pseudónimo de Korvec, chamada El despertar.

O labor de Enxebrebooks destaca tamén polo seu apoio a autores que comezan a dar os seus primeiros pasos na literatura. A ribeirense recorda que «moitos dos libros que editamos foron as primeiras publicacións destes escritores»

Rutina diaria

Para saír adiante neste mundo hai que traballar moi duro. Polas mañás, normalmente, dedícase a asuntos relacionados coa xestión empresarial. E pola tarde, exclusivamente aos libros. O proceso que segue unha obra ata chegar ás mans dos lectores é longo: «O primeiro é falar co autor e presentarlle o contrato, se está de acordo firmamos», explica Alicia Romero. «O seguinte paso xa é corrixir o texto, iso é o que máis tempo leva xa que podes estar tanto un mes coma tres», engade.

Actualmente, Enxebrebooks ten bastantes proxectos entre mans. Aínda que o verán non é unha época na que saen á luz moitas obras, a partir deste mes comeza novamente un período de publicación de novos volumes: «Sobre todo sacaremos segundas partes, porque temos en carteira triloxías ou libros que teñen continuación».

«O bum zombi chegou con ?Guerra mundial Z? ou ?The walking dead?»

«Case todos os nosos proxectos saen tanto en formato dixital coma en papel»