Operación Letras Galegas nos concellos de Meira e de Riotorto

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

FIRMAS

Díaz, de pé, nun acto en Arxentina con Castelao, primeiro á dereita.
Díaz, de pé, nun acto en Arxentina con Castelao, primeiro á dereita. fotos: arquivo da asociación avelino díaz< / span>

Un colectivo promove actos coa idea de que sexa lembrado un 17 de maio

25 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Que un Día das Letras Galegas pode axudar a espallar ou a rescatar a figura dun escritor semella algo fóra de calquera dúbida, máis alá do coñecemento que a sociedade en xeral teña del antes e despois do correspondente 17 de maio. Non ignoran esa cuestión os directivos da Asociación Poeta Avelino Díaz, que leva o nome dun escritor cuxa vida, comezada en Órrea (Riotorto) e continuada logo en Meira, e cuxa obra aínda están lonxe dun coñecemento masivo.

A vida de Díaz (1897-1971) pode entrar, á marxe da súaa dimensión cultural, nunha historia xeral da emigración galega: marchou a Arxentina sendo un rapaz, en 1910; volveu a Meira en 1916; en 1920 cruzou de novo o Atlántico e estableceuse en Cuba, pero un ano despois cambiou o Caribe por Arxentina, onde pasou o resto da súa vida.

Son trazos resumidos dunha vida que ten estudado a profesora Marivel Freire. A asociación que leva o seu nome tenta que tanto a súa biografía como a súa obra, escrita en galego na súa longa estadía arxentina, se coñezan máis, e xa está a dar pasos con ese obxectivo. O presidente, Francisco Veiga, salienta que Díaz será lembrado nun próximo congreso sobre a cultura galega que se celebrará en Bos Aires; por outra banda, engade que xa se está a preparar algunha publicación sobre o escritor.

A súa nenez transcorreu nunha parroquia do concello de Riotorto, que logo deixou para vivir en Meira. Esa vida moza compartida en dous concellos non semella xerar enfrontamentos nin sombra algunha de localismo. «Todo o que se vaia facendo sería promoción», di Veiga, que ademais explica que na asociación se prevé reservar sendos postos de vogais permanentes a cadanseu representante dos concellos de Riotorto e de Meira.

Non hai por agora ningunha data na que se considere obrigado que o Día das Letras Galegas deba dedicárselle a Avelino Díaz. Os que traballan en espallar o seu nome recoñecen que resultaría fermoso renderlle homenaxe no 2017, porque nese ano se cumprirán 120 do seu nacemento.

Porén, hai un interese máis concreto en acadar para o poeta un recoñecemento social que non tivo nin ata agora ten. «Imos conseguir dignificar a súa vida e a súa obra, sen dúbida», afirma Veiga.