«O espazo da lingua portuguesa abre boas potencialidades para Galicia»

Presidiu a Associação Internacional de Lusitanistas os últimos seis anos


santiago / la voz

A finais de xullo, o profesor Elías Torres Feijó, da Facultade de Filoloxía, deixou a presidencia da Associação Internacional de Lusitanistas (AIL), que ocupou 6 anos. Foi no undécimo congreso da entidade científica, que integra a 2.200 especialistas de 32 países, e reuniu a representantes de máis de cen universidades en Cabo Verde. «Galicia é o terceiro país en termos académicos na asociación, despois de Brasil e Portugal», afirma.

-¿Como valora este período de presidente da AIL?

-Para min, e entendo que para a USC, é un orgullo ter durante 6 anos a presidencia dunha entidade internacional desta categoría. Penso que se conseguiron importantes obxectivos científicos, e polos congresos e os coloquios temáticos, ou a revista semestral Veredas, a AIL é unha referencia internacional, e ese era un dos obxectivos. En termos institucionais tamén é unha referencia para a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa e ten relación con moitas das súas principais institucións. E no ámbito asociativo agradezo que os meus pares teñan confiado en min dous mandatos, o máximo contemplado nos estatutos.

-¿Que destacaría do conseguido neste tempo?

-Un dos últimos obxectivos conseguidos, a www.plataforma9.com, que se presenta como un Portal Cultural do Mundo de Lingua Portuguesa. Está promovido pola Fundação Calouste Gulbenkian e pola AIL e é unha páxina científica internacional de información en ciencias humanas e sociais. Ten o nome de Plataforma9 porque están inseridos os nove países das Lusofonías: Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea Bissau, São Tomé e Príncipe, Cabo Verde, Galicia e Timor, como a propia plataforma esclarece.

-¿Que perspectivas abre para as persoas investigadoras galegas?

-As que queiran. O espazo da lingua portuguesa abre boas potencialidades para Galicia, e no noso país existe a posibilidade de funcionar plenamente no ámbito científico, académico, cultural, e outros, dese mundo. Aí está. Que as institucións e as persoas o aproveiten, ou non, depende delas; as portas están abertas.

-¿Vale a Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego, para iso?

-Esa lei é unha posibilidade fabulosa. Que se aproveite ou non dependerá da vontade política e institucional de quen gobernen e ocupen posicións de poder nas institucións. Un problema que lle vexo é non ter orzamento.

-A AIL e a Xunta asinaron un convenio no ano 2008, ¿continúa?

-O convenio foi asinado no 2008 para ser executado no 2009. Acontece que mudou o goberno autonómico e a Xunta non honrou o compromiso económico asinado. Había unha parte institucional que dependía de vontade política, e aínda non houbo esa vontade.

-¿Interesa Galicia na AIL?

-Interesa, si. Son ben coñecidos o noso mundo medieval, Rosalía de Castro, a emigración galega, entre outros temas. Sobre todo interesan tres dimensións: os vínculos galegos no espazo lusófono; os elementos da historia política, cultural e social de Galicia; e a actualidade galega.

-¿E o Camiño de Santiago?

-Tamén ten un relevo moi importante. Sobre todo no ámbito americano, para especialistas do Brasil e dos Estados Unidos.

-¿Que presenza galega resta agora na AIL?

-Hai presenza de especialistas das universidades galegas. Eu continúo como vicepresidente; Carme Villarino, da USC, no Conselho Fiscal; Roberto Samartín, da Coruña, ten a responsabilidade da comunicación; e Raquel Bello preside a Comisión Científica. Raquel representa á Universidade Ritter dos Reis, de Brasil, porque a USC non lle deu a oportunidade de concursar para a súa estabilidade. Espero que este equipo reitoral lla ofreza, a ela e a outras persoas a quen se lles negou nos anos 2011 e 2012.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos

«O espazo da lingua portuguesa abre boas potencialidades para Galicia»