«Santiago inspírame tamén para crear os meus espazos ficticios»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

ESTRELA ALONSO

O premio nacional elixiu a cidade para a súa primeira mostra antolóxica

02 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) elixiu a capital galega para inaugurar a súa primeira mostra antolóxica, promovida polo Consorcio de Santiago e El Patito Editorial. O premio nacional de cómic en 2013 exhibe no Museo das Peregrinacións preto de sesenta debuxos e ilustracións na exposición Mar interior, que para o autor é como «unha carta náutica» que contempla tanto os seus «referentes xenéticos» como a imaxe do «mar compartido» que chega ao público.

-O espazo central da mostra presta especial atención ao mar e a Compostela, ¿de onde vén esta debilidade pola cidade?

-Foi sempre un espazo que me fascinou pola súa propia configuración de ruelas, prazas, igrexas... E todo ese carácter granítico, o xogo de materiais e formas, sempre me resultou moi suxerinte. De feito, moitas veces teño utilizado a fisionomía da cidade de xeito evidente en carteis e imaxes porque o propio tema o requiría, pero sérveme tamén de inspiración para crear moitos dos meus espazos ficticios.

-A exposición resume trinta anos de carreira, ¿resultoulle complicado facer a selección?

-Moi complicado. Botamos horas e horas Fausto Isorna, o comisario da mostra, Gemma Sesar, a editora de El Patito, e máis eu. Incluso nalgún momento interveu a miña muller para intentar desatrancar o proceso de escolla, pero o único que conseguimos foi atrancalo máis. Isto é como cando fas as aliñacións de fútbol que, ao final, cada un ten unhas preferencias particulares. Cando empezamos a sumar pezas que nos parecían imprescindibles chegamos a cento e pico ou duascentas.Finalmente optamos polo máis razoable, que era asumir que unha escolma así nunca vai ser definitiva nin acordada por todos, e establecemos uns criterios de representatividade para que non quedasen áreas do meu traballo sen reflectir.

-Ten un traballo inxente, ¡parece unha misión case imposible!

-É certo. De feito a exposición quedou aberta ao público o 25 de xullo, días antes da inauguración, e houbo xente que pasou por alí e me fixo comentarios a través de Facebook ou da miña páxina web dicindo que botaban en falta algunha obra. Pero é inevitable. Son trinta anos e preto de sesenta obras, polo que toca a dúas pezas por ano. Chega un momento en que, unha de dúas, ou eliminas momentos da túa carreira ou renuncias a ser exhaustivo. Eu creo que, ao final, da unha idea moi axeitada do que está sendo o meu proceso, dende os meus primeiros libros ata o presente.

-Non podía faltar, ademais das moitas colaboracións que fixo para grandes obras da literatura, a imaxe de «Xabarín», que acompañou a toda unha xeración...

-O Xabarín é un terreo especial dentro da miña carreira porque supuxo non unha ruptura, pero si a entrada nun campo que ata aquel momento non tiña experimentado, como era a produción directa para televisión. Psicoloxicamente, como autor, obrigoume a cambiar o chip pensar que me estaba dirixindo a uns destinatarios que ata o momento non me tiña dirixido. Ademais, a propia evolución do personaxe en si foi un bum e un privilexio; ata o punto en que acabou convertido, non só pola miña achega senón por todo o espírito do programa, na icona dunha xeración.

-É un dos autores galegos máis traducidos e tres vitrinas amosan varias das súas obras noutras linguas, ¿imaxinou algunha vez que ían chegar tan lonxe?

-A verdade é que cando as miñas obras comezaron a ser traducidas fíxome moita ilusión. Logo chegou unha etapa de perplexidade, porque sempre pensei que a miña obra estaba moi localizada, e empezaron a editarme libros en Corea, Finlandia ou en Turquía, onde lembro que censuraron algunhas partes de Trazo de xiz por cadradiños negros cando había algún nu masculino, e non así nos femininos.

Miguelanxo prado Debuxante e pintor

«O ?Xabarín? obrigoume a cambiar o chip psicoloxicamente como autor»