«No mercado de Vileixoán vai haber grandes clásicos bravú»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

O grande cerebro do rock galego non dubida en proclamar que As Revenidas «é o festival máis fermoso do mundo»

16 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

As Revenidas vén de se confirmar coma o grande festival bravú deste verán, no que o movemento que fixo estoupar o rock galego celebra o seu vinte aniversario. Os Diplomáticos, con Xurxo Souto á fronte, son xunto a Heredeiros os poderosos cabezas de cartel da parranda pangalaica que entre o 22 e o 24 de agosto acollerá Vilaxoán. Ou «Vileixoán, como lle din os da tribo».

-Os Diplomáticos coñecen ben As Revenidas, ¿non é?

-É. Estivemos o ano pasado e de entrada xa digo que As Revenidas é o festival máis fermoso do mundo e o máis potente dos que se fan por aquí. Normalmente andas todo o día por aí dando voltas, agobiado polo sol buscando un bar. E isto de vir cos nenos, eu que teño fillas pequenas, e atoparte cunha sardiñada na que participa toda a vila, na que todo son actividades, sorpresas e un entorno marabilloso que te vai conducindo cara a noite...

-E iso que esta xente dinlle xoubas ao que son parrochas

-É todo unidade, aparte de que a tribo dos do norte temos que recoñecernos na xouba. Pódoche contar unha anécdota. Fran, que é de Carreira, de volta na casa logo dunha temporada na Coruña, no Dépor, díxolle á súa nai: «Mamá, quero parrochas». «Que farás na Coruña con esas malas mulleres», respondeulle ela. Hai que recoñecerse.

-Este ano, ademais, é un asunto especial. Van xa vinte anos daquel xantar en Chantada.

-Un xantar no que fora o primeiro Castañazo Rock. Eramos grupos parecidos, Rastreros, Skornabois, Papaqueixos, Diplomáticos... Todos coñeciamos a Mano Negra pero non nos coñeciamos entre nós. Rastreros chamaron para un magosto alternativo e logo dun cocido pensamos en poñerlle etiqueta. Así naceu o bravú. A xente nova sabe que houbo referentes contra os que tirar puñaladas. Hai tradición.

-Así que hai que ter pais musicais aos que matar para medrar.

-Home, claro. A xente nova semella que non ten as mesmas oportunidades nosas. Aquel Xabarín Club que foi brutal. Foi unha experiencia ben intensa. Fálaslles. Rastreros, Resentidos... ¿Pero iso existiu?, preguntan cando llo contas. E os rapaces, unha vez que o coñecen quedan alucinados. E cando o saben xa poden dicir, non me gusta, fago a miña propia estética.

-¿Foi a menos a cousa?

-A música en galego, cada vez que recibe apoio mediático, é un bum. Eses grupos que andabamos polas marxes, cando a TVG fixo algo tan sinxelo coma gravar uns clips, aí está o que pasou. Logo deixou de facelo. Non haberá medios nin industria, pero temos unha escena espectacular. Unha variedade de estilos tremenda, o bum de masas que é Ses, Familia Caamagno, Terbutalina... Non para de producir.

-E porén, non parece haber maneira ningunha de vivir da música cañeira neste país.

-Este é un país de artistas, hai unha actividade brutal, pero pódese acreditar de moitas formas. Somos o que somos e dá para o que dá, para que haxa dous ou tres artistas internacionais que andan polo mundo cantando en galego. Mercedes Peón, triunfando en Suecia e en Noruega, Ugía Pedreira, Uxía Senlle... Curiosamente todas mulleres. A felicidade se tes un grupo de rocanrol é subir a un escenario e tocar, compartir e viaxar. O resto é para sibaritas. Deixar de ser espectadores para ser protagonistas. Iso foi o bravú. E facer as cousas ao revés, coma che pete. Na Coruña é imposible, dicían, porque ninguén fala galego. E, oes, resulta que non nos foi tan mal.

-¿Haberá sorpresas?

-Nunca vin sorpresa coma Vileixoán Canta no mundo, que se poña o director da coral e cante toda a vila. Pero vai ser unha tarde moi longa e xa anuncio que no mercado de Vileixoán vai haber grandes clásicos do bravú. Duelo de titáns. Rastreros, o grupo máis punki. Heredeiros, que non quixeron ser bravús pero viviron toda a vida baixo a etiqueta. Grupos galegos. Isto é alucinante e motivo de orgullo.

xurxo souto os diplomáticos de monte alto