«Para deseñar o trofeo inspireime no do Mundial»

borja oujo / M.?x. blanco. RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

monica ferreiros

Este dorneiro foi o creador da copa que se entregará á peña que mellor puntuación acade entre todas as actividades

09 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A festa da Dorna acércase, e xa se percibe no ambiente. Este ano a Real e Ilustre Cofradía da Dorna presentou novos deseños para os seus premios. Un destes trofeos foi ideado por José Manuel Parada. Este dorneiro, coñecido cariñosamente como Chema, é membro da directiva da entidade dende finais do ano pasado e forma parte da peña Caracolas en Sirolas dende a súa fundación, no 1991.

-¿A quen irá dirixido o trofeo?

-Á mellor peña da festa da Dorna. Xa que este ano organizamos todos os eventos de forma que conformen un único campionato. Foi bautizado como a Copa da Rei (Real e Ilustre). Ten unhas bases moi sinxelas; a cada proba daráselle unha puntuación por orde de importancia, estas son: Jrandes Premios, Torneo Maior, Xogos Populares e Dorneiros. A peña que o rematar a festa teña a maior puntuación será galardoada coa entrega da primeira Copa da Rei.

-¿En que se inspirou para deseñalo?

-Para deseñar o trofeo inspireime no do Mundial, que para min é o trofeo dos trofeos. Este foi deseñado polo escultor italiano Silvio Gazzaniga e producido por Bertoni Milano.

-¿Canto tempo lle levou preparalo?

-A elaboración foi a cargo de dous artistas locais, Paulova e Manuel Caamaño, aos cales lles dou os meus máis sinceros parabéns porque fixeron un traballo excepcional, ao igual que ao resto dos artistas: Eva Callón, Álex Nespereira, Jontxu Argibay, Antoxo de Toxo e José Gude. Estes foron os encargados dos demais trofeos, cuxa exposición está no Faiado, a cal recomendo a todo o mundo.

-¿Que significa para vostede a festa da Dorna?

-É unha festa que ano tras ano reivindica a súa tradición dorneira deste pobo, que para min é máis que un sentimento. Isto chega a ser unha filosofía de vida, xa que a festa en si e so o cumio de todo isto.

-¿Que espera desta singradura?

-A nosa intención con todos estes cambios é fomentar a san competición e o espírito dorneiro, que se di que por aí está decaendo. Así que non se diga. Avante sardiñeiro.

-¿Como cre que recibirá a xente os cambios que se están a producir no programa, en especial no guateque?

-Todos os cambios ata o momento tiveron unha aceptación total, aínda que é verdade que o guateque aínda non acabou de convencer de todo. Respecto a opinión de todos, xa que era un día moi especial. Pero ultimamente xa empezaba a haber certo descontrol, e era obvio que había que facer algo polo ben da Festa. Ata despois da mesma non saberemos se acertamos. Por iso pido paciencia e que comprendan que se fai polo ben da Dorna. Ademais de todo isto, considero que os cambios sempre son bos para non crear un bucle repetitivo ano tras ano do programa, que estou seguro que acabaría queimando á xente.

-¿Cal é a súa actividade favorita da festa?

-Pois calquera das grandes: carrilanas, voo sen motor, embarcacións, canción de tasca...

josé manuel parada directivo da dorna